O Concello da Coruña conmemora o Día Internacional contra a homofobia e a transfobia
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá a programación de actividades que o Concello deseñou con motivo do Día Internacional contra a homofobia e a transfobia que se conmemora cada 17 de maio e que na Coruña se celebrará coa organización dunha serie de iniciativas de carácter lúdico que levarán a cabo no mes de maio.
As actividades enmárcanse no conxunto de accións do Programa LGTBI, 2015 que a Concellaría de Servizos Sociais desenvolve e que se centran, fundamentalmente, no ámbito da prevención de actitudes discriminatorias e a garantía dos dereitos das persoas, con independencia da súa orientación afectiva e sexual.
“Como sempre, o principal obxectivo é o de contribuír á prevención e erradicación de actitudes homófobas e discriminatorias cara ás persoas LGTBI, á vez que se sensibiliza á poboación, sobre todo aos máis novos, a favor da diversidade, a igualdade e a convivencia de todas as persoas con independencia da súa orientación sexual”, destacou Miguel Lorenzo.
Neste sentido, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou a importancia da implicación das administracións públicas para erradicar este tipo de condutas discriminatorias e explicou o programa de actividades, todas gratuítas, que inclúe actividades en familia, proxección de películas ou charlas en centros educativos.
Actividades en familia
– Contacontos O papaventos vermello, interpretado por Ramiro Neira da compañía Artestudio. Actividade dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos acompañados dun adulto. Os interesados poden solicitar as invitacións nos centros cívicos nos que se realiza.
|
Centro |
Día de Maio |
Hora |
|
San Diego |
6, mércores |
18.00 horas |
|
Os Rosales |
13, mércores |
18.00 horas |
|
Monte Alto |
15, venres |
17.30 horas |
Cine en Labañou
No centro cívico municipal de Labañou proxectaranse tres películas que foron premiadas en distintos festivais. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforamento:
– Venres, 15 de maio, ás 20.30 horas. Hojee u quero voltar sozinho, de Daniel Ribeiro. Premio á Mellor Película outorgado pola Federación Internacional da Prensa Cinematográfica no Festival de Cine de Berlín (Berlinale) en 2014.
– Sábado, 16 de maio, ás 20.30 horas. Flores raras, de Bruno Bareto. Premio do Público no Festival LESGAICINEMAD (Festival de cine lésbico, gai e transexual de Madrid).
– Domingo, 17 de maio, ás 20.30 horas. Une nouvelle amie, de François Ozon. Premio Sebastiane, outorgado pola Asociación de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais do País Vasco.
Talleres sobre diversidade afectiva e sexual
Ademais destas actividades do mes de maio, a Concellaría desenvolve un taller sobre diversidade afectiva e sexual nos institutos e colexios da cidade que así o solicitaron. “O obxectivo é o de previr condutas discriminatorias, ensinar a recoñecer estereotipos relacionados co xénero e a homosexualidade e proporcionar ao alumnado información sobre a diversidade afectivo – sexual”, destacou o concelleiro, quen lembrou que o taller está dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO: “Durante este curso están a impartirse 56 talleres en 15 centros educativos da cidade; un incremento importante respecto dos 36 talleres en 12 centros de 2013/14”.
O programa municipal LGTBI para o ano 2015 complétase cos actos que levarán a cabo durante o mes de novembro e co funcionamento do Servizo Municipal de Información e Mediación LGTBI no centro cívico municipal de Monte Alto (informacionymediacionlgtb@coruna.es). “Non se trata de accións puntuais senón de involucrar a toda a sociedade a través dun traballo durante todo o ano para informar, visibilizar e normalizar ao colectivo”, concluíu Miguel Lorenzo.











