O Club Squash Pontevedra recibirá 3.000 euros para a participación en competicións oficiais
As deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez entregáronlles esta mañá ós responsables do Club Squash Pontevedra a acta presidencial pola que se lles concede unha axuda de 3000 euros para favorecer a participación do equipo na liga e noutras competicións oficiais da súa disciplina deportiva.
O Club Squash Pontevedra conta na actualidade con preto de 70 socios e máis de 50 nenos competindo, entre eles a actual campioa de España e campioa absoluta de Galicia, Xisela Aranda. A xogadora viguesa do Club Squash Pontevedra acaba de conquistar o seu sexto Campionato de España absoluto de maneira consecutiva, confirmando o seu status de número un na clasificación nacional.
Entre as raquetas do equipo pontevedrés figuran outras grandes promesas deportivas da provincia e de Galicia. Pablo Quintana tamén se alzou o pasado mes de marzo co título de campión de España sub-15, despois de acadar a segunda praza na competición galega dentro da mesma categoría e quedar subcampión de España-sub 17.











