O Club de Remo de Bueu recibe unha axuda para participar en ligas e competicións oficiais
A deputada Begoña Estévez visitou hoxe o Club de Remo de Bueu con motivo da estrea da furgoneta do club e da entrega dunha resolución presidencial que asegura a participación dos equipos da entidade en ligas e competicións oficiais. O Club de Remo de Bueu presentou hoxe nas súas instalacións de Pescadoira a furgoneta recentemente adquirida (cunha axuda da institución provincial de 7.000 euros) para usos sociais e desprazamentos dos seus deportistas.
Vestiarios e nave de deportes náuticos
A deputada provincial de Deportes, Begoña Estévez, entregoulles ós directivos do club unha resolución presidencial, cunha contía de 10.000 euros, para garantir a participación do club en diversas competicións oficiais. Visitou tamén as obras de reforma dos vestiarios que o club está a acometer cunha subvención do Plan de Investimentos da Deputación.
O Club de Remo de Bueu prevé iniciar de inmediato diversas melloras nas súas instalacións, entre as que destaca a cobertura da nave de deportes náuticos, cunha achega de 73.000 euros que a Deputación fai por medio do Concello a través do Plan de Obras e Servizos 2015.











