O CIS contribúe ao deseño de buques máis seguros con experimentos de realidade virtual
As instalacións de realidade virtual do CIS Galicia acollen estes días experimentos do proxecto europeo Faros, que ten por obxectivo contribuír ao deseño de buques máis seguros tendo en conta o factor humano. Mariños da empresa Tallink Grupp Ass, de Tallin, Estonia, comezaron a realizar a fase de probas deste proxecto empregando as simulacións realizadas polo CIS para analizar o efecto de diferentes elementos específicos no comportamento humano.
Nestes experimentos de realidade virtual, que se prolongarán durante as próximas semanas e nos que participarán en diferentes quendas preto dunha trintena de xefes de máquinas e primeiros oficiais, simúlanse distintos escenarios dun buque Ro-Pax.
Nunha destas simulacións represéntase a sala de máquinas, na que se analiza o efecto dos distintos anchos de paso á proximidade de obxectos que poidan resultar perigosos nun momento dado. O segundo escenario céntrase no estudo dos perigos asociados ás portas estancas. A finalidade destas probas é observar e medir as variables relacionadas co risco para a tripulación e os riscos para os pasaxeiros, contribuíndo así á súa diminución.
O proxecto Faros, cunha duración de tres anos (2012-2015) está financiado pola Comisión Europea dentro do 7º Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e desenvólveo un consorcio de 12 membros pertencentes ao ámbito da industria, a universidade e a investigación de 7 países europeos. Ademais de España, que participa a través do CIS Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, forman parte do proxecto entidades de Finlandia, Reino Unido, Grecia, Alemaña, Estonia, e Italia. O proxecto trata de desenvolver unha proposta que incorpore os factores humanos no deseño de buques baseado en riscos. Para iso usa datos experimentais, simulacións, modelos paramétricos de buques e procesos de optimización.
O novo plan de acción do CIS Galicia sitúa a este centro como unha ferramenta fundamental tanto da Estratexia de Especialización Intelixente, (RIS3), como da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, coa que o Goberno galego busca reinventar a industria galega, poñéndoa no grupo de cabeza da inminente revolución industrial que terá no seu centro á fábrica intelixente, e impulsando o seu peso no PIB ata o 20%. Neste marco, o CIS canalizará todas as actuacións innovadoras da Axencia Galega de Innovación no eido naval, xogando un papel clave no camiño cara o naval 4.0.











