O ciclo Ilusiooóh!n pecha a súa tempada na Ágora co espectáculo ‘Heián’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que este venres, día 10 de abril, ás 21.00 horas, o centro Ágora acollerá Heian, da compañía Zen do Sur,o sétimo e último espectáculo do ciclo Ilusiooóh!n e Premio Mellor Espectáculo Noite FETEN 2014. Trátase dun traballo multidisciplinar onde circo, danza acrobática e música en directo fusiónanse para ofrecer ao espectador unha proposta cargada de forza e sensibilidade.

A obra describe unha viaxe cara a un estado emocional onde o diálogo entre a música, movemento e control corporal xeran emocións que trasladan ao espectador a un estado de calma facendo gala do título do espectáculo que significa paz e tranquilidade en xaponés. Heian fusiona e nútrese de danza contemporánea acrobática, recursos de danzas urbanas e contact – improvisation; técnicas circenses de equilibrios investidos; humor; e un contido musical acústico, elegante e orixinal, con piano, violoncelo, body percussion, sons sintetizados e instrumentos de percusión contemporáneos.

O ciclo Ilusiooóh!n, un ciclo de espectáculos nados da fusión de distintas disciplinas artísticas, arrincou no mes de setembro e contado con espectáculos como Impreuna, de Pistacatro; Entredós, de Capicúa; Plecs de Enfila´t, con CAER, TNC e Cir-que ou!, de Pireneos de Circo; Aaart!, de 18é Circ d´Hivern do Ateneu Popular 9 Barris ou Funamviolistas.

As entradas anticipadas custan 12 euros e o abono familiar, con 3 entradas para o mesmo espectáculo, 27. Para as persoas con carné xove, maiores de 65 anos ou desempregadas, o prezo da entrada será de 10 euros. O mesmo día da función o prezo único de entrada será de 15 euros.

As entradas poden adquirirse no despacho de billetes central da praza de Ourense (de luns a venres de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas); no centro sociocultural Afundación (de 09.00 a 21.00 horas); no despacho de billetes do centro Ágora unha hora antes do espectáculo; e a través da televenta, no teléfono 902 504 500 (de 08.00 a 22.00 horas) ou en internet, na web www.servinova.com.

Ilusiooóh!n únese a outros ciclos xa consolidados no Fórum Metropolitano e na Ágora como Todo Público, Bebescena ou Sen Numerar.

6 de abril de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.