O ciclo de música Enclave de Cámara regresa coa actuación do Cuarteto Attacca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

O xoves regresa o ciclo de música Enclave de Cámara coa actuación do Cuarteto Attacca, ás 20.30 h no Teatro Principal. O Cuarteto Attacca é unha das formacións de cámara emerxentes máis destacadas dos Estados Unidos, sendo desde maio de 2014 o novo cuarteto residente do Metropolitan Museum of Art de Nova York. No seu programa interpretarán pezas de Beethoven, Jonh Adams e Leo Janácêck, divididos en dúas partes.

Pola súa banda, o Auditorio Municipal acollerá o mesmo xoves pola mañá ás 10 h, a Festa da Lingua, actividade onde participarán escolares de diferentes colexios nunha xornada de convivencia con concertos, visitas culturais, xogos tradicionais, encontros con autores… etc. Esta Festa da Lingua terá lugar novamente no Auditorio os días 29 e 30 deste mesmo mes.

Xa o venres día 10 – ás 10 h e 12 h – o Auditorio recibirá a visita de Odaiko Percussion para ofrecer un concerto a alumnado escolar baixo o título Invención. Esta actividade está organizada por Afundación.

O sábado ás 20 h, será a quenda das corais nun concerto homenaxe a distintas agrupacións da provincia no seu aniversario. E finalmente o domingo ás 12 h, continúa a programación infantil nesta ocasión co espectáculo Cocido Sinfónico, da compañía Os tres tenedores que ofrecerá un espectáculo dirixido a público infantil maior de 4 anos.

A maiores, a Banda Municipal de Música de Ourense, continúa cos seus concertos semanais os venres ás 20 h no Liceo.

7 de abril de 2015 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.