publicidade hoxe

O Certame Galego das Artes pola Igualdade de Xénero xa ten ganadoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A empresa Bolboreta S.C. deu a coñecer onte mesmo o fallo do xurado do II Certame galego das Artes pola Igualdade de Xénero, dedicado este ano á música. Os poemas ganadores son todos obra de mulleres: na categoría infantil os dous primeiros premios son para Mariña Erias e Icía Fernández, na categoría adulta as ganadoras foron Estefanía Paz e Eumelia Sanz e no apartado xuvenil o xurado deixou deserto o primeiro premio e concedeulle o segundo a Sabela Rodríguez. O acto de entrega oficial celebrarase este sábado a partir das 12 da mañá na Casa do Concello nun acto ao que asistirán os alcaldes de San Sadurniño, As Pontes e A Capela -concellos colaboradores na iniciativa-, así como o representante da editorial Galaxia e a homenaxeada deste ano, a cantante Uxia.

Ao certame presentáronse un total de 15 obras de creadores e creadoras dos concellos de Oleiros, Vimianzo, A Coruña, San Sadurniño, Xove, As Somozas, As Pontes, Betanzos e mesmo de Valladolid. O xurado -formado pola filóloga Mar Hermida, o escritor Manuel López e a representante do colectivo Alalá, Ofelia López- avaliou os traballos hai tan só uns días e o seu fallo foi o seguinte:

Categoría infantil:
1º “Sentir”, de Mariña Erias (Betanzos).
2º “Voar libre”, de Icía Fernández (San Sadurniño).

Categoría xuvenil:
1º O xurado decidiu deixalo deserto
2º “Liberdade”, escrito por Sabela Rodríguez (A Coruña), baixo o pseudónimo “A Escultora de palabras”

Categoría adulta:
1º “En terra prometida”, de Estefanía Paz (As Pontes)
2º “Sempre a mesma altura”, de Eumelia Sanz Vaca (Valladolid) co pseudónimo “Muller e home en voo” .

Os premios para cada categoría son os mesmos: 100 euros en metálico os primeiros e 50 os segundos, ademais de libros e un diploma acreditativo. A entrega farase o sábado a partir das 12.00h. nun acto que contará cos alcaldes dos tres concellos colaboradores co certame e co escritor e coordenador de novos proxectos de Galaxia, Franciso Castro. 

Canda eles veremos outros nomes das letras e da cultura, como a madriña do certame, Helena Villar Janeiro, o escritor e poeta Manuel López e a propia homenaxeada no certame, a tamén escritora e cantante Uxía. Ela será a encargada de pechar o acto trala presentación do seu libro “Rosalía Pequeniña” (Galaxia), e farao cunha pequena actuación musical na compaña de Magín Blanco, con quen tamén participa no proxecto María Fumaça.

O Certame Galego das Artes pola Igualdade de Xénero busca premiar a creación literaria xeradora dunha mensaxe na procura da igualdade real entre mulleres e homes ou como denuncia dos desequilibrios de xénero que perviven na sociedade. Cada ano homenaxéase unha arte e, dentro dela, unha muller avalada pola súa traxectoria que, case sempre no mundo da cultura, vai acompañada do activismo na defensa e a promoción da igualdade.

16 de abril de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.