O centro PSA de Vigo pon en marcha o programa ´Saúde activa´ para promover hábitos saudables entre os traballadores

Bravo Bosh na Xornada do Día da Saúde en PSA
Baixo a denominación ´Saúde Activa´, o centro de Vigo de PSA Peugeot-Citroën puxo en marcha, en colaboración coa Consellería de Sanidade, un programa para promover hábitos de vida saudable entre os seus traballadores, orientado ao fomento dunha alimentación equilibrada e á práctica regular de exercicio físico.
Dentro desta campaña, hoxe, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde, desenvolveuse na planta unha ‘Xornada de Avaliación Física’ na que especialistas do Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta de Galicia realizaron aos traballadores que participaron unha avaliación das súas condicións físicas e proporcionáronlles consellos personalizados sobre nutrición e exercicio físico.
´Saúde Activa´ inclúe campañas de sensibilización, información en medios internos, sesións de promoción do exercicio físico (escola de costas, sesións de educación postural-pilates e fisioterapia precoz) e recomendacións en nutrición e hábitos saudables en xeral, con xornadas temáticas desenvolvidas por expertos en saúde.
A ´Xornada de Avaliación Física´ que tivo lugar hoxe constitúe unha das primeiras accións do programa ´Saúde Activa´. Na presentación da xornada interviñeron o director de Relacións Sociais e Humanas do centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Pedro María Rodríguez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; e o futbolista do Real Club Celta de Vigo, Borja Oubiña, en presenza de directivos da planta e representantes dos traballadores.











