publicidade hoxe

O Centro Dramático Galego pon rumbo á Estrada e Pontevedra co espectáculo ‘Xardín suspenso’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+

O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon rumbo á provincia de Pontevedra co seu espectáculo ‘Xardín suspenso’, a partir da obra de Abel Neves, para ofrecer catro funcións noutros tantos escenarios. Así, a montaxe que Cándido Pazó dirixiu para a compañía pública poderá verse no Teatro Principal da Estrada o venres 24 de abril, no Auditorio da sede de Afundación en Pontevedra o mércores 29 de abril, no Teatro Afundación de Vigo o mércores 6 de maio e no Teatro Municipal de Tui o venres 8 de maio.

O pase da semana que vén en Pontevedra, programado para as 20.30 horas, foi presentado este mediodía pola directora da Área Sociocultural de Afundación, María Teresa Cores; o director do CDG, Manuel Guede Oliva, e a actriz Melania Cruz, en representación dun elenco do que tamén forman parte César Cambeiro, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos.

Obra premiada

Melania Cruz interpreta o papel de Lucía, a moza protagonista desta galardoada obra, pola que Abel Neves obtivo en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática convocados no ámbito lusófono. ‘Xardín suspenso’ é un drama sobre a condición humana, o desamor e os sentimentos en estado puro, que introduce o espectador nun labirinto de emocións arredor da cuestión de ata onde pode levar a fidelidade absoluta a un amor non correspondido.

Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen –de area branca, desprovisto de plantas e sen apenas decoración– como un lugar onde se confunden paz e esterilidade. Trátase do agasallo que Lucía constrúe para o seu amado e serve, así mesmo, de metáfora do estado letárxico no que se somerxe a rapaza cando Mateo lle anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Venda de entradas

A venda anticipada de entradas para o pase do mércores 29 en Pontevedra está xa operativa a través das canles habituais de Afundación, no web www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500. Tamén poderán adquirirse na billeteira do auditorio o propio día da función.

Tras o seu percorrido pola provincia de Pontevedra, ‘Xardín supenso’ continuará a súa viaxe ata finais de maio, con funcións en Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, do 16 ao 18 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio) e Lisboa (Teatro Nacional D. María II de Lisboa, do 28 ao 31 de maio). Completarase, así, unha xira durante a que terá ofrecido un total de 15 funcións en 10 escenarios, que se suman ás programadas en marzo durante a súa temporada de exhibición no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

21 de abril de 2015 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.