publicidade hoxe

O censo electoral estará exposto entre o 6 e o 13 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Oficina do Censo Electoral -organismo dependente do INE- comunicoulle este martes ao Concello que xa pode descargar a base de datos correspondente ao listado de electores e electoras que poderán votar en San Sadurniño o próximo 24 de maio. O censo estará dispoñible para consulta e para formular calquera reclamación entre o 6 e o 13 de abril, ambos días incluídos. De haber algún erro, as persoas interesadas poderán solicitar a súa corrección dentro dese prazo.

Xa hai anos que o censo electoral non se colga en papel no tablón de anuncios do Concello, senón que cada persoa debe facer a consulta dos seus propios datos no mostrador das oficinas municipais. Deben presentar calquera documento de identificación válido, como o DNI, o carné de conducir ou o pasaporte no que apareza a fotografía da persoa interesada.

Se houbese algún dato incorrecto -grallas no nome, lugar de residencia, nivel de estudos, etc.- é tamén no Concello onde dispoñen da folla correspondente para solicitar a modificación dos datos, que deberá entregarse debidamente cuberta e acompañada dunha fotocopia do documento de identificación. O Concello fará constar a data en que o elector ou electora causou alta no enderezo que figure na solicitude.

Esta solicitude terá que asinala a propia persoa interesada e o Concello deberá trasladarlla á OCE antes das 12.00h. do día 14 de abril para que dea tempo a incorporar os cambios ao censo que se empregará en maio. Calquera reclamación presentada fóra do prazo comprendido entre o 6 e o 13 de abril non terán efecto neste proceso electoral e resolveranse posteriormente.

Para quen xa votase algunha vez o normal é que todos os datos estean ben a menos que cambiase de domicilio ou que aumentase o grao de formación desde a última convocatoria electoral. Porén, nunca está de máis comprobar que todo estea ben. Algo que se recomenda especialmente para quen fixese recentemente os 18 anos e vaia votar por primeira vez o próximo mes de maio. Para calquera dúbida relacionada co censo hai un teléfono de consulta, o 901.101.900.

Os horarios de consulta/reclamación no Concello son os seguintes:
-Luns 6 a venres 10 e luns 13 de abril: de 8.30 a 14.00h.
-Sábado 11 de abril: de 9.00 a 13.00h.

A relación das mesas electorais así como o territorio que comprende cada unha delas publicarase no Boletín Oficial da Provincia o luns 6 de abril.

1 de abril de 2015 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.