O celtismo homenaxea ao Kaiak Tudense polos seus logros deportivos

Homenaxe do celtismo ao Kaiak Tudense
O Kaiak Tudense, gañador durante dez anos de forma consecutiva do Campionato de España de piragüismo, recibiu a homenaxe do celtismo nun sinxelo e emotivo acto que se celebrou en Balaídos antes do inicio do partido entre o Celta e o Raio Vallecano. Os compoñentes do club tudense foron agasallados polos éxitos logrados na pasada e actual tempada.
Os deportistas portaban o trofeo que lles acredita como campións de España, da Copa do Rei e tamén da liga de Pista Olímpica Hernando Calleja, competicións nas que parte tamén como favorito para este ano. Ricardo Barros, vicepresidente do club vigués, Carmen Avendaño, conselleira, e Germán Arteta, responsable da Fundación Celta de Vigo, saudaron a todos os compoñentes da entidade tudense e resaltaron o magnífico traballo que realizaron ao longo da súa historia.
Enrique Míguez, o canoísta que logrou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles, mostroulles o trofeo conquistado o pasado Campionato de España de inverno en Sevilla. O Celta obsequiou aos tudenses cunha camiseta co nome do club e tamén cunha placa conmemorativa.
O acto, desenvolvido no propio céspede do estadio vigués, contou coa presenza de José Luís Bouza, Diego Piña, Iván Alonso, Carla Pérez Coya, Ramón Ferro, David González, Daniel Costa, David Costa, Alfonso Domínguez, Rubén da Sivla, Andrea Porteiro, Carla Cerqueira, Aarón Diéguez, Gabriel Hernández e Adrián Mancedo.
Esteban Alonso, o director deportivo, e Manuel Pedrares, o adestrador, acompañaron aos seus padexeiros nunha cita que consideran como “un detalle que agradecemos especialmente pola súa relevancia. É un orgullo o poder estar nun escenario tan importante para o deporte galego e recibir o aplauso do público”. Esteban Alonso engadiu que “a invitación do Celta supón un respaldo ao noso traballo e esforzo. Esperemos que no futuro se poida repetir”.
Todos os compoñentes do Kaiak Tudense presenciaron o encontro entre o Celta e o Raio Vallecano, que terminou co histórico triunfo do conxunto vigués por 6-1, no palco de Balaídos.











