O cartel cultural de abril en Vilagarcía cotará con teatro, música, deporte e danza
O mes de abril chega cunha variada programación cultural na que haberá actividades para todos os gustos e públicos e tamén de moi diversos xéneros. Monólogo, teatro, espectáculo infantil, música clásica, recital de canción italiana, festival benéfico e as galas de música e danza e a do deporte galego.
Debido aos actos da semana Santa que se celebran durante a primeira fin de semana de abril, a programación cultural do Auditorio non comezará ata o mércores 8, co recital de violín a cargo do departamento de corda do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía.
O xoves 9, o Auditorio Municipal converterase no epicentro do deporte autonómico coa celebración da Gala Galega do deporte, na que se fará entrega dos premios e distinción aos mellores deportistas, clubs equipos, adestradores, e patrocinadores do ano de toda a comunidade galega.
O venres 10 haberá un festival para recadar fondos en beneficio de Cáritas Parroquial de Santa Baia de Arealonga, no que actuarán os profesores do Conservaotrio Vladimira Smausova e Nicolás Leiro.
O domingo 12, de abril, haberá unha dobre cita co teatro. O público adulto poderá asistir á representación que o grupo Iliria Teatro realizará no Salón García con motivo do seu décimo aniversario. Representarán a obra “Carnage”, baseada no testo “Us Deus salvaxe”, de Yasmina Reza. E os máis cativos terán a súa propia oferta teatral, neste caso no Auditorio, co espectáculo musical “Os Tres Porquiños”.
A seguinte fin de semana ábrese con música romántica que todo o mundo tarareou nalgunha ocasión. Será o sábado 18 co espectáculo musical Italia Romántica, no que os cantantes María Marín Bravo e José Valhondo interpretarán temas tan populares como “Il Mondo”, “Volare”, “La Bámbola”, “Sapore di sale” “Parole”, e moitas máis que farán as delicias dos máis nostálgicos.
O teatro regresa o domingo da man da compañía Avelaíña que interpretará non Auditorio a obra “María Castaña”.
Xa a metade de semana, a música retornará da man do Conservatorio Profesional de Música que p martes, 21, ofrecerá un concerto de piano.
Abril péchase ao grande co monólogo de Berto Romero “Sigue con nosotros”. O televisivo showman e humorista colaborador de Andreu Buenafuente xa actuara hai uns anos en Vilagarcía, enchendo ata a bandeira o Auditorio Municipal, unha meta que pensa repetir con este novo espectáculo cargado de humor e no que Berto anímase a cantar e ata a bailar.
E o sábado 25 de abril o Auditorio acollerá a Gran Gala de Múisca e Danza Galega na que músicos e bailaríns de diferentes colectivos e escolares ofrecerán un colorido e variado espectáculo en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro de Vilagarcía. Unha excelente ocasión para gozar da música e danza clásica e galega á vez que contribuír a unha nobre causa.
No apartado de exposicións, a artista Carme Rodríguez permanecerá amosando na Sala Antón Rivas Briones a súa colección de pintura “Paso a paso” ata o 17 de abril. Ese mesmo día o departamento de Arte do Instituto Miguel Ánmgel González Estévez, de Carril, inaugurarán na Sala de Exposicións do Auditorio MAGE’15, unha mostra na que os alumnos exhibirán os seus traballos artísticos.
Tríptico informativo
Para coñecer horarios e prezos das entradas pódese consultar o programa no taboleiro de anuncios da web municipal ou recoller un tríptico non Auditorio.











