publicidade hoxe

O candidato socialista á alcaldía de Fene comprométese a crear un banco de vivendas de aluguer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O candidato socialista á alcaldía de Fene, Antón Noceda, quere asinar un contrato cos cidadáns que garanta o acceso de todas e todos á alimentación, a vestimenta, a vivenda, a educación e a sanidade “en condicións de dignidade”. Así o manifestou publicamente no acto de presentación da candidatura do PSdeG-PSOE, ao que asistiron máis de 200 persoas que ateigaron o salón de actos da Casa da Cultura fenesa. O compromiso dos socialistas inclúe a posta en marcha dun Centro de Recursos Sociais de ámbito comarcal en colaboración coas entidades que traballan nese eido e a creación dun banco de vivendas de aluguer para dar cobertura ás familias vítimas de desafiuzamentos ou en situación de precariedade social.

O proxecto do equipo de Antón Noceda é un proxecto de rexeneración democrática que empeza por non prometer nada que non se poida facer, porque “eu tamén estou canso de que me prometan cousas que logo serán ou non”, manifestou o candidato. Os socialistas de Fene artellarán fórmulas de participación veciñal na xestión dos recursos destinados aos servizos sociais, pero tamén á cultura e ás obras. Pero a prioridade do PSOE será o mantemento axeitado dos servizos e equipamentos públicos nas mellores condicións, para que non pase o que está pasando agora: rúas e espazos públicos abandonados e cheos de porquería e parques infantís que non cumpren a normativa, por exemplo.

A presentación da candidatura do PSOE encheu o domingo a Casa da Cultura. Abriu o acto o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Fene e número 7 da lista, Yosua López Pereiro, que expresou o seu orgullo de ser fenés e de ser socialista. Antón Noceda estivo arroupado polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que fixo exame de conciencia sobre os erros cometidos polo partido e apelou ao socialismo como única fórmula para cambiar as cousas en Fene. “Non me afago a pasar por Fene e ver que goberna o PP”, declarou.

A intervención do aspirante á alcaldía chegou precedida da interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia por un gaiteiro moi novo, o sobriño de Antón Noceda, que presentou a continuación aos seus compañeiros de lista e fundiuse nun emotivo abrazo con Manuel Allegue, presidente do partido e histórico socialista que figura no simbólico posto 17 da candidatura. O público recibiu en pé aos homes e mulleres que concorren ás eleccións do vindeiro 24 de maio dispostos a gobernar Fene coa cidadanía.

27 de abril de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.