O BNG de Pontevedra pecha a súa candidatura con “dez persoas de recoñecido prestixo, compromiso social e experiencia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O candidato á Alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá ás dez persoas que pecharán a lista electoral para o vindeiro 24 de maio. Nas súas propias palabras “é unha representación do máis gradado da sociedade pontevedresa, e unha parte importantísima e representativa dos avais que ten a candidatura do BNG”.

Estas dez persoas que pechan a lista nos postos de reserva son “de recoñecido prestixio que teñen traballado en distintos eidos pola cidade, e teñen compromiso social e experiencia”.

En nome deles tomaron a palabra Antonia Blanco, anterior vicerreitora do Campus de Pontevedra, quen explicou que durante a súa estadía nos cargos de responsabilidade da Universidade de Vigo fixéronse moitas colaboracións entre o Campus e o Concello, e “agora que estou fora dos cargos universitarios, creo que podo aportar ese proceso de futuro dos proxectos, porque Pontevedra é un proxecto vivo que está a seguir mellorando”. “Houbo -continuou- unha semente moi boa desde este partido, desde o BNG, que sigo dende hai moitos anos, e véxome con capacidade e experiencia seguir traballando con eles e melloralo. Estou no momento de axudar a crecer a este novo goberno si logramos ter a capacidade de xestión en Pontevedra”.

O escritor Manuel Lourenzo botou man dunha metáfora para explicar que “neste tempo no que están xurdindo -derivado da crise e deste desconcerto xeral- persoas, grupos que antes non se coñecían ofrecendo e vendendo distintas paisaxes e lúas, e que son como estes xardíns que se montan no verán, que decoran; pero despois están as carballeiras e os soutos que nos marcan o camiño e que din onde estamos. Isto significa o BNG en Pontevedra. Prefiro estar á beira dun carballo que ao lado dunha margarida de verán”.

O escritor indicou que “trasladado aquí creo nun proxecto que traballa dende hai décadas, que está consolidado e que pode aportar moito máis de futuro. Todo que poida achegar estarei ao servizo deste proxecto”.

Tamén tomou a palabra Marcos Rodríguez, membro do grupoVórtex e da nova produtora Quinta justa, quen asegurou que “eu podo achegar a xuventude, o esforzo, o traballo e a ilusión de traer novos proxectos, a cultura e a música a Pontevedra”.

O candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores escusou a asistencia de Luísa Márquez Rodríguez, a primeira das persoas de reserva, que se atopa fóra de Pontevedra, de viaxe no estranxeiro. As dez persoas que pecharán a lista do BNG á Alcaldía de Pontevedra son:

1. Luísa Márquez Rodríguez. Veciña de Pontevedra. Ela exerce como traballadora no Ensino Público, é a coordinadora Nacional da Rede de Escolas da UNESCO e tamén membro do Equipo de Coordinación estatal das Escolas Asociadas á UNESCO. Asemade é directora do Grupo de Teatro escolar “Fiuncho” dende 1990 e recibíu o 1º Premio Innovación Educativa entre 99 ao 2003, o premio Valora Interculturalidade nos anos 2006 e 2008 e Premio Cidade de Pontevedra no ano 2010.

2. Manuel Lourenzo González. Este veciño de Pontevedra é traballador do Ensino Público e escritor con múltiples premios pola súa obra, que inclúe libros de relatos, novelas e teatro ademais de obras de literatura infantil e libros de texto.

3. María Luísa Sabajanes Torres. Ela é unha veciña do Rañadoiro de Ponte Sampaio que é traballa no sector servizos e foi membro do Comité de Empresa de Pontesa.

4. Roberto Conde Taboada. Este veciño da Canicouva é actualmente Vice-Presidente da Comunidade de Montes da Canicouva.

5. Begoña Mallo Rei. É veciña de Pontevedra e traballa na Sanidade Pública. Ela é sindicalista da CIG, membro de SOS-Sanidade Pública, da Directiva da AAVV Eduardo Pondal e secretaria da Federación de AAVV Castelao.

6. Juan José González Crespo. Veciño de Santa María de Xeve. É o Presidente da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve e tamén da Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

7. Esperanza Marín Magdalena. Veciña de Monteporreiro. Exerce un importante labor social como membro das directivas da Asociación de Veciños “O Mirador” e da AMPA do colexio de Ensino Público do bairro. Ademais é presidenta da Asociación de Palilleiras “A Fieiteira”

8. Marcos Rodríguez Montes. Veciño de Salcedo. Ademais de guitarrista de Vórtex é estudante de Audiovisuais e Espectáculos. Asemade exerce diversas funcións como manager e productor en Quinta Justa Producciones.Tamén é redator no web Metal Korner.

9. Antonia Blanco Pesqueira. Veciña de Pontevedra. Esta traballadora do Ensino Público é profesora na faculdade de Ciencias de Educación e do Deporte. Foi Vice-reitora da Universidade de Vigo.

10. Rafael Iglesias García. O histórico dirixente sindical é veciño de Pontevedra. Adicou toda a súa vida á loita obreira desde os primeiros tempos do sindicalismo nacionalista. Foi Secretario Comarcal da CIG desde a década dos 80 até o último congreso e actualmente forma parte da dirección da central nacionalista.

11 de abril de 2015 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.