O BNG celebra este sábado no Pazo da Cultura o Encontro Nacional Aberto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Pontevedra acollerá, este sábado, o Encontro Nacional Aberto do Bloque Nacionalista Galego que se celebrará no Auditorio do Pazo da Cultura a partir das 18.00 horas. Segundo explicou esta mañá o candidato do BNG en Pontevedra e responsábel local, Raimundo González, “trátase dun encontro de todos os candidatos de Galicia, polo que para o BNG significa o pistoletazo de saída, a nivel galego, para as próximas eleccións municipais”.

Explicou que será “un acto dinámico, que ademais de intervencións políticas, tamén haberá outras persoas que interveñan”. Tamén haberá un oco para a música. Están confirmadas as intervencións do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e doutras persoas representativas na organización política como o alcalde de Allariz, Francisco García, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Raimundo González recalcou que “non é un acto pechado”, polo que poden asistir todos aqueles veciños que queiran. O responsábel local explicou que “en Pontevedra, referente a nivel nacional e internacional, satisfácenos e agracedemos ao Consello Nacional para que pensara en nós para facer este acto, porque van vir persoas de toda Galicia”.

“Estamos tremendamente animados diante dese proceso electoral no que os veciños de todos os concellos nos xogamos moitas cousas: ter uns servizos eficientes e de calidade, en definitiva, a calidade de vida dos veciños”, explicou Raimundo González.

23 de abril de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.