O atleta Pedro Nimo di non a Agustín Hernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O atleta compostelán Pedro Nimo rexeitou formar parte da candidatura do actual alcalde de Santiago e aspirante á reelección polo PP, Agustín Hernández, para as próximas eleccións municipais. Con todo, sinalou que, na súa opinión, o rexedor é “traballador e válido” ademais de “bo xestor”.

En concreto, o corredor publicou o mércores no seu perfil de Facebook que recibira unha oferta para integrarse como independente na lista dunha persoa que lle dá “boa espiña” e que a estaba sopesando.

Nun longo comentario baixo o título ‘xornadas de reflexión’, declarábase unha persoa “tremendamente crítica cos políticos”, que “poucas veces” están “ao servizo da cidadanía”, pero mostraba a súa vocación por “axudar” á súa cidade e ao deporte desde un cargo municipal. “Creo ter ganas e ideas… pero teño medo!”, trasladaba aos seus case 5.000 amigos na rede social, medorento de entrar no Pazo de Raxoi como “un gorrión nun niño de voitres” e de que situarse politicamente lle afectase a nivel persoal ou laboral.

Pouco máis de 24 horas despois comunicaba a súa “decisión final e meditada”. “Expúxenme moi seriamente tomar a decisión de facelo (…), pero considero que hoxe día me pode faltar temperanza, formación e forzas”, desvelou.

A continuación, explicou que son varias as ofertas que recibiu de distintas formacións de Santiago para figurar nas súas candidaturas, aínda que unicamente considerou a do PP por esa “boa espiña” que lle dá Hernández, un afeccionado ao atletismo. “Na política local non miro tanto a ideoloxía”, xustificou.

“EXPERIENCIA NULA”

A continuación, indicou que descoñece “en que se basean os partidos” para as súas ‘fichaxes’, pero sinalou que el ten “experiencia nula” en política. “Non sei se estou cualificado para o cargo”, recoñeceu.

“A min a política xérame dúbidas e dáme medo, porque é un mundo ao que son alleo e que non está no seu mellor momento”, razoou, non sen admitir que por un momento pensou que quizáis el podería contribuír a “cambiar as cousas” que tantas veces se reprochan” aos dirixentes públicos. “Pero eu son un e pequeniño”, apostilou.

Á marxe da súa falta de experiencia, esgrimiu como outro dos motivos que lle levaron a rexeitar a oferta do alcalde que non pretende aínda “colgar as zapatillas” e, de “meterse no serán, ten que ser a lume de biqueira”.

“Eu querería facelo con forza, con ganas e con tempo; pero teño un negocio e ademais quero seguir correndo”, alegou, de modo que non pechou a porta a dar o salto á política unha vez abandone o atletismo. “Porque moitas veces criticamos, pero tampouco facemos nada e nalgún momento gustaríame mollarme”, remarcou.

Iso si, tras expresar unha vez máis a “ilusión” que lle faría “ser útil” e achegar algo á súa cidade, o campión de España de maratón asumiu que para entrar en política debería modular o seu carácter “impulsivo”.

9 de abril de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.