O atleta paralímpico vigués Fernando Costas marca como reto acudir ás Olimpíadas de Brasil en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Homenaxe da Deputación de Pontevedra a Fernando Costas

Homenaxe da Deputación de Pontevedra a Fernando Costas

A deputada viguesa Marta Iglesias entregoulle esta mañá un diploma da Deputación ó atleta vigués paralímpico Fernando Costas en recoñecemento á súa traxectoria deportiva e ó seu “exemplo de esforzo e superación” para todos os mozos con algunha discapacidade.

O acto, desenvolvido na sede viguesa da Administración provincial, serviu para que Fernando Costas comentase os seus triunfos nos últimos campionatos autonómicos disputados o pasado marzo, nos que conseguiu mellorar as súas marcas persoais; tamén para que afirmase que o seu actual reto pasa non só por facer un bo papel nos nacionais do próximo mes de xuño, senón por lograr os tempos que lle abran a porta da clasificación para as Olimpíadas de Río de Janeiro en 2016.

Costas luciu na Deputación as súas medallas de bronce e prata logradas nos últimos anos e destacou o que o deporte representou na súa vida “e o moito que me axudou a superar os meus retos persoais e tamén a ser competitivo na vida ante as adversidades”.

Iglesias Bueno animou a todos os mozos con problemas de discapacidade a “seguir o exemplo” de Costas e buscar no deporte “unha vía de aprendizaxe e de experiencia para superar as adversidades”.

Fernando Costas forma parte do equipo Liberty de promesas paralímpicas. Ten licenza da Federación Española de Deportistas con Discapacidade Física e da Federación Española de Deportes de Persoas con Parálise Cerebral e Lesión Cerebral. Con algunha das dúas aspira a ser olímpico nos próximos Xogos de Río 2016, aínda que recoñeceu que os tempos esixidos en calquera das súas especialidades son moi esixentes e será “moi duro” lograr a clasificación.

1 de abril de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.