O aparcamento público da Maroma volve a estar operativo con 240 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O aparcamento público da Maroma, volve a estar operativo dende hoxe, despois de rematarse os traballos de reorganización da superficie que agora conta cun total de 240 prazas para estacionar. Esta bolsa de aparcamento complétase co estacionamento posterior do recinto de Fexdega que tamén está aberto as 24 horas do día e ao que se pode acceder a través do novo vial aberto dende Rodrigo de Mendoza. A reordenación do tráfico na contorna do pavillón feiral levarase a cabo tan pronto como remate o acondicionamento dos dous enlaces entre as vías laterais.

A apertura dun acceso para o tráfico rodado ao recinto de Fexdega dende a zona das palmeiras de Rodrigo de Mendoza xa está operativa dende hai días, polo que os vehículos poden acceder ao estacionamento posterior directamente dende aí. Non obstante, ata que non remate por completo o acondicionamento das vías para que funcionen a modo de circuítos, este acceso manterá os dous sentidos da circulación.

A explanada dianteira de Fexdega conta actualmente con 240 estacionamentos, incluídas as prazas adaptadas para vehículos de discapacitados. A obra aproveitouse previamente para instalar sumidoiros, así como unha toma de auga e outra de electricidade que facilite e garanta a seguridade nas instalacións dos circos e espectáculos que acolle a zona.

A actuación na zona do estacionamento público complétase coa colocación de proxectores que iluminarán a explanada dende a beirarrúa de Rodrigo de Mendoza.

8 de abril de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.