O alcalde de Vigo reclama a Pastor a estación de Mayne e o AVE directo a Madrid
O alcalde de Vigo e candidato á reelección, Abel Caballero, esixiu este luns á ministra de Fomento, Ana Pastor, que, unha vez que se puxo en marcha a conexión de alta velocidade no Eixe Atlántico, se impulse a liña Vigo-Ourense por Cerdedo, para conectar a cidade con Madrid en dúas horas e 25 minutos.
En declaracións aos medios, Caballero recoñeceu a Ana Pastor as súas “luces” pero tamén puxo de relevo as súas “sombras”. A ese respecto, criticou que “non moveu nin un só papel en tres anos” para a conexión de Vigo coa Meseta. “Non imos ir por Santiago de ningún modo, que se esqueza Ana Pastor da súa pretensión”, advertiu.
Por outra banda, recordou que os traballos para a construción da nova estación de Urzáiz “estaban todos contratados” polo anterior ministro, o socialista José Blanco. En calquera caso, agradeceu a Pastor que continuase co proxecto a pesar das “presións tremendas en contra do PP de Vigo e de Feijóo”.
Non obstante, Abel Caballero tamén reclamou que se recupere o deseño do arquitecto Thom Mayne para completar esa infraestrutura, e lamentou que “en tres anos o todo poderoso Ministerio de Fomento non foi capaz de contratar a estación de Mayne”. “Non queremos que o primeiro AVE a Galicia chegue a Ourense, Santiago e A Coruña, e a Vigo non, sería gravísimo”, advertiu.











