O alcalde de Lugo insiste en que se querellará contra un dos fundadores de Cechalva e que espera ser desimputado
O alcalde de Lugo, o socialista José López Orozco, insistiu este luns en que se querellará contra o empresario asturiano José Luís Álvarez, que foi un dos fundadores da empresa concesionaria do servizo do guindastre Cechalva, “unha vez que procesalmente sexa factible” e subliñou que espera “o máis pronto posible” que lle sexa levantada a súa imputación na Operación Pokémon.
Nunha nova rolda de interrogatorios da instrutora da Operación Pokémon, a xuíza Pilar de Lara, a pasada semana José Luís Álvarez confirmou a existencia dunha contabilidade B en Cechalva, pero puxo en dúbida que se pagasen subornos ao rexedor de Lugo, despois de que no pasado chegase a sinalar a Orozco como posible perceptor de pagos para lograr a concesión do servizo do guindastre.
En declaracións aos medios tras volver comparecer ante Pilar de Lara, esta testemuña crave da Pokémon referiuse a Javier Reguera como “socio encuberto” e estendeu sospeitas sobre o seu proceder en relación a pagos que supostamente ían destinados a políticos. “Eu non sei se llos pagaba ao alcalde, a Liñares ou quedaba con eles, pero está claro que se contabilizaba na caixa B como pago ao alcalde, segundo as instrucións de Javier Reguera, que eu dubido moito que fosen para o alcalde”, afirmou o pasado martes José Luís Álvarez.
Con todo, isto non é óbice para que Orozco siga pensando en querellarse contra este empresario, de forma que o rexedor deixou claro que “esta (a querela) mantense ata o momento que procesalmente sexa factible poder levala a cabo”.
“Quen o sabe son eu e sábeo a xuíza despois do informe de Vixilancia Aduaneira”, afirmou Orozco ao defender novamente que xamais foi subornado por Cechalva para obter a concesión do servizo do guindastre en Lugo e lembrar que o informe dos investigadores descartou que el se enriqueceu de forma ilícita.
“Ese xa é un tema que non forma parte da miña vida. Non me preocupa o máis mínimo porque eu espero, e espéroo o máis pronto posible, esa desimputación, porque un inocente non pode estar nesta circunstancia”, concluíu.











