O acordo para estender o autobús urbano da Coruña ata o núcleo de Meicende entrará en vigor en abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoLocal Portada
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia analizou hoxe os termos do convenio entre o Concello da Coruña, Arteixo e a Administración autonómica que permitirá estender os servizos do transporte urbano da cidade herculina ata o núcleo de Meicende (en Arteixo). A posta en marcha deste servizo está prevista para o vindeiro mes de abril, unha vez que se asine o convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos da Coruña e Arteixo.

O núcleo de Meicende sitúase nas proximidades da cidade da Coruña, no termo municipal de Arteixo e presenta unha demanda de desprazamento recorrente similar á que pode existir no núcleo urbano na cidade.

Polo tanto, este acordo permite dar resposta a unha demanda histórica dos veciños e do propio Concello de Arteixo, que reclamaban un servizo de transporte acorde coas súas necesidades. O convenio vén atender esa demanda e permitir que o servizo de transporte urbano do Concello da Coruña saia do termo municipal e realice tráficos no núcleo de Meicende.  

Estímase que os 3.500 veciños do núcleo de Meicende poderán facer 100.000 viaxes ao ano nesta liña de percorrido urbano, con frecuencias e tarifas análogas ás que actualmente se aplican na Coruña.

O proxecto de convenio ampárase na disposición adicional décimo segunda da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que, co fin de mellorar a accesibilidade á rede de transporte público, permite formalizar convenios de colaboración con outras administracións públicas galegas mediante os que coordinar os servizos de transporte público das súas respectivas competencias, incluíndo a habilitación da extensión dos servizos interurbanos ao transporte urbano ou viceversa. Este convenio é o primeiro que se tramita e que se asinaría ao abeiro desa disposición.

En virtude do convenio establécense catro paradas dentro do termo municipal de Arteixo, que pasará a ter unhas cinco frecuencias cada hora (un autobús cada 12 minutos); actualmente ten dous cada hora.

1 de abril de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.