O 27 de maio comezará o curso federativo de monitor de fútbol base na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base, que se impartirá na Guarda, dará comezo o próximo mércores 27 de maio. Esta disciplina, que está organizada pola Federación Española de Fútbol e a “Escuela Gallega de Entrenadores”, en colaboración co Concello da Guarda e o Sporting Guardés, impartirase no campo municipal de “A Sangriña”. Na presentación do curso, que se celebrou esta mañá na Sala de Plenos do Concello e na que estiveron presentes tanto representantes da Federación, como da Escola, do Concello e do Sporting Guardés, informouse que o prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o día anterior do comezo do curso.

Gustavo Falqué, o vicepresidente da Federación Española de Fútbol explicou que esta entidade o que busca con este tipo de actividades é fomentar a formación e por os mellores medios ó servizo do deporte. Falqué afirmou que dende a Federación queren instruír a xente para que nos clubes haxa os mellores educadores.

O Director da Escola Galega de Entrenadores, Manuel Mosquera, tamén presente no acto, afirmou que o obxectivo desde curso é “crear formadores que eduquen dende o deporte”. Mosquera comentou que pola experiencia en outras localidades, este será un curso con moito éxito. A idea, comentou, é que moitas das persoas que o cursen continúen estudando para chegar a adestrar equipos de categorías máis altas. Todas esas persoas que sigan cos estudos terán beneficios xa que no nivel 1 de Entrenadores, explicou, se lle descontará o prezo deste curso (150 euros), non se lles farán probas físicas e non lles será obrigatorio realizar as prácticas.

Xavier Crespo, concelleiro de Deportes do Concello e Víctor Lomba, presidente do Sporting Guardés, mostraron todo o seu interese nesta iniciativa e afirmaron poñer todo o que estea da súa man para que este curso saia nas mellores condicións. Pola súa banda, o alcalde da localidade, José Manuel Domínguez Freitas, afirmou, tras recordar a ligazón dos habitantes da Guarda co deporte, que o máis importante deste curso é que haxa materias de educación, no sentido máis amplo da palabra.

Todas aquelas persoas interesadas en facer este curso poden dirixirse tanto a Federación, coma o Concello ou as instalacións do Sporting Guardés para obter máis información. Tamén poden escribir ou correo escuelagallega@gmail.com o deporte@aguarda.es. A iniciativa está aberta a persoas dende os 16 ós 60 anos. Impartirase dous días a semana durante tres horas polo que se cree que terá unha duración aproximada de dous meses e medio, cunha carga horaria total de 65 horas.

24 de abril de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.