publicidade hoxe

Novo reparto de boletíns ante a extraordinaria participación no VI Concurso de Tapas de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso está a realizar estes días un novo reparto de boletíns de votación entre os dezaseis establecementos hostaleiros que participan na sexta edición do Concurso de Tapas de Oroso, que rematará este sábado 18 e domingo 19 de abril. A extraordinaria acollida que tivo esta iniciativa durante a pasada fin de semana fixo que algún dos establecementos repartira en tan só dous días todas as revistas preparadas para todo o concurso, polo que o Concello de Oroso considera que este ano se superarán de xeito considerable as máis de 2.300 tapas degustadas en 2014.

Unha vez máis, o polbo volverá ser o gran protagonista do concurso, pois leva xa anos sendo o produto máis empregado na elaboración destas tapas: en salpicón, en tosta, con gambas e mesmo como longaínza. Porén o cefalópodo terá un serio competidor nesta fin de semana no queixo, combinado con lacón, tenreira, rixóns, morcilla… Unha grande e variada oferta que o cliente pode consultar no boletín de votación, de xeito que poida escoller as tapas e os locais que lle resulten máis atractivos.

O VI Concurso de Tapas de Oroso desenvolverase en 16 establecementos que, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, ofrecerán totalmente de balde aos seus clientes unha tapa, tradicional ou creativa, con cada consumición. Unha vez degustada a tapa, o cliente selará o boletín de votación nese local. Cando reúna seis selos diferentes (un deles dun local non emprazado en Sigüeiro) poderá votar a súa tapa favorita nunha das urnas seladas que hai en cada un dos locais participantes. Entre todos os participantes sortearase unha tablet Samsung Galaxy, un xamón e un premio de dúas entradas para Termaria Casa da Auga (A Coruña).

Os 16 establecementos participantes son: Mesón Tambre, Nova Xeira, Bar Tapas, O café de Manuela, Tapería O’Martán, Adega o Ribeiro, Bodegón Cebrás, Mesón A Trabe, Sigü Café, Café bar Xardín, Bar Sigüeiro, De María e Café bar Restaurante Mirás (todos eles en Sigüeiro) e Bar Stop (Oroso), Restaurante Liñares (Estación Oroso) e O Noso Mesón (Deixebre).

Concurso infantil

A gran novidade deste ano terá lugar o sábado 18 de abril coa celebración d a primeira edición do Concurso Infantil de Tapas Frías, no que participará unha quincena de nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Os participantes reuniranse ás 10:30 horas no centro cultural de Sigüeiro para elaborar as súas creacións. Disporán de 1 hora e 40 minutos para presentar tres unidades da mesma tapa para a que poderán empregar froitas, verduras, salsas, friames, pan, tostas…

O xurado valorará tanto o sabor das tapas como a súa presentación e orixinalidade. Os participantes optarán a tres premios consistentes en diploma, trofeo conmemorativo e un vale de 70 euros na tenda de deportes Equip@t Sigüeiro, vale por 40 euros no mesmo centro e un libro de receitas de cociña MasterChef Júnior.

16 de abril de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.