Nova edición do Galegote Rock con catro días de música e galego
O Galegote Rock é un festival onde o galego e a música son os grandes protagonistas. Organizado pola Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra e producido pola produtora Pontevedra ao Vivo, pretende achegar a mellor música das bandas galegas ao público, así como promocionar os grupos que cantan na nosa lingua.
O Galegote celebra a súa IV edición e xa comeza a ser unha cita sinalada para público e músicos. En anteriores edicións participaron grupos de renome como Terbutalina, Nao, Zënzar ou Ruxe Ruxe, e grupos locais como Os Fervellasverzas ou Foxy Freire.
Este ano o festival ten varias novidades: será de balde, e celebrarase en distintos puntos da cidade para que o gocen todas as persoas que se encontren neses días en Pontevedra.
A Sala Karma, El Pequeño, a cervexaría Trueque, A Gramola, O Grifón e O Lusco e Fusco, ademais da praza de Méndez Núñez e a praza das Cinco Rúas serán os lugares onde se levará a cabo o festival.
Outra das novidades é o cambio nos horarios e no número de días. O festival aumentara un día máis, comezando o mércores 13 de maio e rematando o sábado 16. Este último será o día grande, xa que haberá concertos dende as dúas da tarde ata as once da noite.
A calidade e variedade dos grupos no Galegote Rock 2015 é moi importante. O cartel formano grupos como Narf e Caxade (con premios e nominacións en distintos certames; Mestre Mateo, Premios da Música Martín Codax…etc), o grupo ourensán Os Amigos dos músicos, o cantautor Leo I Arremecaghona, as bandas locais Querido Extraño e Mike Grelo, e o Dj especializado en rock galego e bravú O Xabarín de Bora. Haberá un día dedicado ao Jazz, David Regueiro Swingtet, e o peche será en Sala Karma con Superoito e Martelo.
Nove grupos e un Dj que levaran o Galego e a Música por toda a cidade.
A organización do Galegote decidiu convidar, aínda que fóra do cartel e aproveitando que están de xira, os grupos portugueses The Birds Are Indie e A Jigsaw, que realizarán varias actuacións pola cidade durante a fin de semana do festival. Estas actuacións tamén serán de balde.











