Nova edición do festival de teatro escolar de Palas de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+
Presentación do festival de teatro

Presentación do festival de teatro

O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei organiza e participa no VIII FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DA ESTRADA que este sábado, día 11 de abril, se celebrará na Casa de Cultura de Palas de Rei e nas aldeas da Ulloa e de Sambreixo. Participarán nesta xornada cultural e festiva preto de 200 actores e actrices de cinco compañías de Teatro de Melide, Laxe, Palas de Rei, Touro e A Estrada con idades comprendidas entre os 3 e os 21 anos. O programa de actos é o seguinte:

– 16:00 horas. A Aula de Teatro do CPI de Touro, a Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, Avelaíñas Teatro e Aula de Teatro do IES de Melide, Teiroa Teatro e presentan no Salón de Actos da Casa de Cultura de Palas de Rei a obra estreada no Teatro Principal de Ourense: GORENTOSADAS.

– 18:00 horas. Roteiro musical e teatral nas aldeas da Ulloa e de Sambreixo coa colaboración da Asociación Cultural Palacio do Rei, Buxaina e A Asociación de Veciños/-as de Sambreixo e da Ulloa.

– 20:00 horas. A Escola Municipal de Teatro de Laxe e o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei presentan no Salón de Actos da Casa de Cultura de Palas de Rei: BRINCOS DE FANTASÍA.

 Este Festival permite xuntar ao alumnado das cinco Aulas de Teatro e propicia que se amose o traballo realizado durante o Curso formativo que se desenvolveu ao longo do curso académico 2014/15.

Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 27 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, en colaboración coa ONG Meniños e que continuará por varias localidades galegas e en Alcalá de Henares, Cuenca e Valencia.

Os espectáculos que se presentan traballan valores como a CULTURA DA PAZ, O RESPECTO AO MEDIOAMBIENTE, A SOLIDARIEDADE, a integración das persoas con necesidades educativas específicas, a violencia, a interrelación entre os integrantes dos grupos…

Trátase de espectáculos onde a imaxinación xoga un papel chave, un alegato emotivo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada curiosa e unha reivindicación do teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía…

8 de abril de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.