Non había constancia de denuncias previas por maltrato da muller acoitelada en Vigo
A Garda Civil e a Policía Nacional non teñen constancia de denuncias previas de maltrato da muller acoitelada o domingo en Vigo, tras o que foi detida a súa exparella. Así o manifestou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, a preguntas dos medios antes de participar nun acto en Pontevedra. “Non temos constancia neste momento, á espera de comprobalo máis detidamente, de denuncias por maltrato en dependencias da Policía nin da Garda Civil”, aseverou.
Villanueva incidiu en que a Policía “segue investigando as causas do suceso” e está á espera de tomar declaración á persoa agredida, que está hospitalizada, “e, a partir de aí, esclarecer todos os datos”, abundou.
“Neste momento o presunto agresor está detido nas dependencias de comisaría. Esperamos que a persoa agredida se recupere, segue ingresada no hospital”, explicou o delegado do Goberno, para reiterar que os investigadores están pendentes “que a vítima se recupere e poida prestar a súa declaración”.
Sobre o detido, Villanueva puntualizou que, en principio, está previsto que pase o martes pola mañá a disposición xudicial, no xulgado con competencias en materia de violencia sobre a muller de Vigo, segundo confirmaron fontes xudiciais.
“DICÍA QUE NON ERA O AUTOR”
Preguntado sobre a declaración do presunto agresor da súa exparella, Villanueva comentou que “as primeiras declaracións parecían indicar que el dicía que non era o autor dos feitos”.
Non obstante, avogou por “deixar actuar á Policía”. “Esperemos tomar declaración á vítima da agresión e, a partir de aí, confeccionar o atestado completo e, a través do xulgado, aclarar as causas e circunstancias dos feitos”, concluíu.
FEITOS
A exparella da muller acoitelada este domingo en Vigo, un home duns 40 anos de idade, foi detida por un suposto delito de violencia de xénero.
En concreto, a muller ingresou na mañá do domingo no Hospital Povisa de Vigo en estado grave, tras ser acoitelada no colo cunha arma branca, que aínda tiña cravada cando chegou.











