Mos acolle o décimo segundo aniversario do Torneo Internacional Fútbol Base
Esta tarde presentouse no Campo de Fútbol de Cototorrón, na parroquia mosense de Tameiga, o XII Torneo Internacional Fútbol Base La Caixa-Concello de Mos. Á presentación asistiron Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Isidoro Táboas, concelleiro de Deportes, Luis Alonso, tamén edil mosense, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro-Tameiga; así coma representantes da Fundación La Caixa e os nenos xogadores das categorías do Club-Louro Tameiga que participarán neste torneo.
O torneo celebrarase durante esta Semana Santa, os días 1 (hoxe), 2 (mañá), 3 (venres) e 4 de abril (sábado), no Campo de Fútbol de Cototorrón e nel participarán un total de sobre 500 rapaces distribuídos en 37 equipos. Os cativos participantes neste campionato pertencen ás categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil.
O horario do torneo será hoxe de 16.00 horas a 20.00 horas, mañá de 09.00 horas a 20.00 horas, o venres 3 de abril de 09.00 horas a 21.00 horas e o sábado 4 de 10.00 horas a 14.00 horas. O sábado, día 4, xogaranse as finais e os terceiro e cuarto postos da clasificación.
Este torneo está organizado polo Club Louro Tameiga coa colaboración do Concello de Mos e La Caixa, patrocinadores deste evento deportivo durante o seus doce anos de historia no municipio mosense. Trátase dun torneo federado pola Federación Galega de Fútbol e a Federación Española de Fútbol, e será ademais arbitrado por árbitros tamén federados.
Os equipos que competirán os próximos días en Cototorrón, cada un con diversas categorías, son: o anfitrión Club Louro-Tameiga, a Unión Deportiva Mos, E.D.M. Salceda, Cultural Areas, ‘Escuelas de Fútbol Portero 2000’, U.D. Santa Mariña, U.D. Friestense (Portugal), Desportivo Monçao (Portugal), Sárdoma Club de Fútbol, ‘Independiente C.F.’, ‘C.D. Nieto’, U.D. Atios e C.D. Pontellas. Un total de 13 clubes participarán neste evento deportivo no que os cativos poderán disfrutar duns días de competición, convivencia e deporte.











