publicidade hoxe

Monólogos, mostra de palilleiras, exhibicións de ximnasia rítmica e xornada solidaria na fin de semana en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello de Fene propón a veciños e visitantes un completo programa de actividades para disfrutar da fin de semana. Así, o municipio acollerá propostas para todos os gustos, dende monólogos de humor ata exhibicións de ximnasia rítmica, pasando por demostracións das mellores técnicas de encaixe e, sobre todo, moita solidariedade coa xornada “Todo para Xoel”.

Así, esa programación arranca xa este venres ás 20 horas. O Concello, a través da Concellería de Cultura, trae a Fene o monólogo do popular cómico galego Isi, moi coñecido polo público grazas ás súas aparicións televisivas en programas como Luar ou Tourilandia. A Casa da Cultura será o escenario da súa actuación, con entrada gratuíta pero para a que é preciso retirar invitación nese mesmo lugar dende as 16 horas. Co seu show o Concello inaugura o ciclo de monólogos deseñado para conmemorar o Día dos Museos e inclúese na programación “Cultura no Camiño” que promove a Xunta de Galicia.

O sábado 18, Fene celebrará durante todo o día o seu tradicional Encontro de Palilleiras. Un encontro que organiza a Concellería de Promoción Económica no marco da II Mostra Turística Vén a Fene! e que conta co respaldo da Deputación provincial da Coruña. Desenvolveráse no paseo marítimo de San Valentín, baixo carpa, e congregará a centos de palilleiras de toda a Comunidade. Amáis da demostración do seu traballo e técnica, o público poderá mercar nos postos habilitados auténticas pezas de artesanía. A cita arrancará ás 10,30 horas coa recepción ás participantes por parte do alcalde, Gumersindo Galego, e concluirá sobre as 19 horas, cun descanso ás 13,30 para o xantar. No transcurso do evento, ás cinco, realizaránse diversos sorteos.

O mesmo sábado, e a escasos metros, no pavillón da Xunqueira, e horario de tarde, Fene albergará a VI edición da súa Exhibición de Ximnasia Rítmica. Un encontro no que tomarán parte uns 285 nenos e nenas de catorce clubes tanto do municipio, como doutras localidades da comarca e, tamén, incluso de fóra da provincia da Coruña. A cita, aberta á cidadanía, dará comezo ás catro da tarde.

E, o domingo, 19 de abril, será momento para a solidaridade coa xornada “Todo para Xoel”, na que colabora o Concello. Unha cita coa que se pretende recadar fondos para Xoel, un neno fenés de seis anos que, dende bebé, padece parálise cerebral. Unha enfermidade que non apaga o seu contaxioso sorriso. Comezará ás 11 horas cunha sesión de zumba; ás 12, de cardio box e ciclo; ás 12,45 h, un torneo de fútbol e diversos talleres para os máis pequenos, como maquillaxe e xogos infantís. Ás 14 h, dará comezo o xantar, coa animación musical de Los Zares (o prezo é de 10 euros para os adultos e seis para os nenos). E, a partires das 15,30 h, retomaránse as actividades infantís. Media hora máis tarde, celebraráse unha exhibición de baile e, ás cinco, sendos obradoiros de hip hop e de patinaxe. Ás 18 h retómase a zumba e, ás 19 h, fútbol feminino e máis talleres. E, durante toda a xornada, inchables para os nenos. Unha programación cunha entrada a prezo simbólico: 3 euros.

16 de abril de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.