Moncho Fernández: “O Dominion Bilbao Basket está a facer un supertemporadón”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro recibe este domingo (18.00 horas) ao Dominion Bilbao Basket, Partido do Federado que traerá un fin de semana máis a Sar toda a paixón polo deporte da canastra existente en Galicia.

Moncho Fernández, técnico do equipo compostelán, asegura que os biscaíños “están a facer un supertemporadón. Son o cuarto clasificado por iso. Ás veces esquécenos que soamente teñen por diante a Unicaja, Real Madrid e Barcelona. Creo que con iso está todo dito de quen vén a Sar este domingo”. É obrigatorio falar “da experiencia dos seus xogadores. Raül López, é básico durante os minutos que xoga, ou cando cando comparte pista con Colom. Mumbrú é o seu máximo anotador, Hervelle dálle a polivalencia que necesitan ao xogar con Todorovic, con Williams, etc. En definitiva, preocúpame a polivalencia do equipo, que usan moitas estruturas diferentes”, explica.

Fernández lembra que “a pesar diso, na primeira volta estivemos no partido, encaixamos poucos puntos e mesmo nos puxemos por diante, aínda que logo o remontasen eles e non puidésemos volver coller o tren”. Por iso, agora os efectivos obradoiristas, declara o seu coach, “temos que ser capaces de controlar a Bertans, a Mumbrú, e á polivalencia de todos. Saber xogar as nosas bazas ofensivas, e tamén ter un extra de brillantez”.

O técnico só garda boas palabras para os homes de negro: “Quererán gañar fóra porque como deportistas inconformistas e ambiciosos que son, sempre queren máis aínda que a súa campaña estea a ser excepcional”, afirma pondo o exemplo de Raül López “campión do mundo, ex NBA e un grande do baloncesto español”. Tamén nomea ao seu adestrador, Sito Alonso: “Teñen un técnico tacticamente excepcional que prepara os partidos moi ben. Hai mozos que ás ordes de Sito deron un paso adiante importante: Todorovic, que está incrible; Bertans, que tamén mellorou moito; e por encima de todos, aínda que xa teña moita experiencia na liga, Quino Colom, rendendo a nivel selección”.

Quen non se queira perder o encontro ten aínda ata o propio domingo para comprar as súas entradas: Prezo Especial para federados e familiares en primeiro grao destes, e outros Prezos Reducidos para abonados, menores de 18, estudantes menores de 25, maiores de 65 e parados de longa duración.

 

10 de abril de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.