Moncho Fernández: “Espero que mellore o noso nivel de competitividade respecto das últimas saídas”
O Rio Natura Monbus Obradoiro prepara a súa cita de mañá xoves ante o F.C. Barcelona na cidade condal (21.00 horas – TVG2), correspondente á xornada 29 da liga Endesa, aprazada polo Playoff de cuartos de final da Euroliga que os de Xavi Pascual tiveron contra o Olympiakos.
Respecto desa participación europea frustrada ao quedar eliminado da Final Four, o técnico teno claro: “Evidentemente, faralles centrarse na liga, pero non creo que sexa algo que lles afecte a nivel de xogo, igual que xa non lles afectou para gañar ao CAI por case corenta puntos. Ademais, foi por un detalle mínimo, unha canastra no último momento. Non cambia o potencial que teñen”.
O técnico destaca que son un “superequipo”. “Tiveron moitos problemas coas lesións, houbo xogadores que non tiveron unha tempada continua, como Eriksson, Navarro ou Oleson. Pero é un club que ten a capacidade de fichar cando o necesita, e aí está Jackson como exemplo”, declara.
Tamén nomea a Hezonja porque “ten un talento especial para o lanzamento, é fisicamente un superdotado, o que lle permite xogar por encima do aro”. Pero destacaría a “Satoranski, que deu un paso adiante e agora mesmo está a xogar máis minutos que Marcelinho cunha xerarquía e unha pouse incribles para a súa idade. Só lle vexo máis e máis futuro”.
Dos culés espérase “un repertorio táctico amplísimo que aumentou máis aínda na segunda volta. Tácticamente sempre é un dos equipos con mellor bagaxe. Xogan picks and roll con bases, escoltas ou mesmo pivotes en todos os ángulos posibles; saídas bloqueadas para que Oleson, Navarro ou Hezonja tiren; teñen un xogo sen balón moi organizado, etc”.
Para repetir triunfo, Fernández cre que “temos que estar acertados no aspecto ofensivo e ter a fortuna de que non teñan un bo día porque é un equipo que te obriga a tapar numerosas frontes. Ademais, espero que o noso nivel de competititividade respecto das últimas saídas mellore porque metendo 50 puntos é imposible gañarlle ao Barcelona. E se non anotas, tes que manter o nivel defensivo sen virte abaixo”, explica o adestrador para finalizar.











