Moncho Fernández e Daniel Miller visitan aos escolares do CEIP de Oca

Visita ao centro estradense
O adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, visitou hoxe xunto co pivote do equipo, Daniel Miller, o CEIP de Oca, con motivo das sesións culturais trimestrais que o centro ofrece. Case un centenar de escolares gozaron coa presenza dos obradoiristas, aos que preguntaron sobre as súas rutinas diarias de adestramentos e a súa preparación dos partidos, entre outras moitas curiosidades máis persoais. Ademais, aproveitaron para sacarse fotos de recordo con eles e mesmo pedirlle autógrafos nas súas camisetas do equipo.
O alcalde da Estrada, José López, tamén acompañou a técnico e xogador nesta xornada de reunión que o centro organiza con diferentes personalidades do mundo da cultura e do deporte.











