Méndez Romeu cre a marcha de Caamaño unha perda intelectual e política
O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, considerou o anuncio da marcha do deputado Francisco Caamaño, que se reincorporará ao seu posto na Universidade de Valencia, unha “perda dende o punto de vista intelectual e político”. “E tamén unha perda afectiva para moitos dos que nos consideramos os seus amigos”, agregou Méndez Romeu, para quen Caamaño tivo unha mención especial na rolda de prensa na que anunciou a súa renuncia ao escano.
O voceiro parlamentario socialista dixo que a dimisión do exministro de Xustiza “era coñecida dende hai algún tempo” polo grupo e a dirección do partido, e apuntou que é “normal que nos grupos” se produzan “modificacións ao longo de lexislatura”.
Así, indicou que, neste caso, está “obrigada polos prazos que ten para incorporarse ao seu posto de traballo na universidade”, como el mesmo explicou na rolda de prensa, xa que necesita tres meses de reciclaxe previos ao inicio do curso.
Méndez Romeu desexoulle “o maior dos éxitos” na súa nova etapa docente e afirmou que se “manterá o equipo de traballo” do grupo parlamentario “con normalidade”.











