Medio Rural pide que se extreme a precaución fronte á praga que afecta aos cítricos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía vén de recibir unha comunicación da Consellería de Medio Rural na que se lle advirte da existencia dunha “praga de corentena” de “Trioza erytreae”, un insecto de orixe africano que transmite unha bacteria, a candidatus liberobacter spp, que, á súa vez produce a denominada enfermidade Huanglongbing ou “HLB”, coñecida como o cancro dos cítricos. A súa extensión por diversos países de América obrigou ao arranque de millóns de árbores.

Unha “praga en corentena” é aquela que pode ter importancia económica potencial para a área de perigo aínda cando a praga non existe ou se existe non está moi estendida e se atopa baixo control oficial. Para evitar que esa praga se estenda, a Xunta, a través dunha empresa pública, está realizando unha inspección de explotacións, hortos particulares e zonas públicas do Concello, segundo o comunicado remitido por Medio Rural.

Para levar adiante esa labor, a consellería solicita a colaboración do Concello no control dos xardíns públicos e mesmo para levar a cabo tratamentos fitosanitarios ou ben de corta e destrucción de aqueles exemplares xa contaminados. A mesma colaboración deben prestar os particulares, pois, segundo lembra a Xunta, o artigo 13 da Lei 43/2002, de Sanidade Vexetal, obriga a aqueles a manter os seus cultivos, plantacións ou colleitas en bo estado fitosanitario e a aplicar os tratamentos que se establezan como consecuencia da declaración dunha praga.

A Consellería e o Concello piden, por iso, a maior colaboración na detección e erradicación dos insectos transmisores desta enfermidade dos críticos (laranxeiros, limoeiros, mandarinos…) que a día de hoxe non ten cura e causa a morte dos exemplares afectados.

6 de abril de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.