Medio Ambiente publica a licitación por 240.000 euros obras de rehabilitación do firme na estrada OU-320
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publica hoxe a licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada Piñeira de Arcos-A Ponte Noalla (OU-320), desde a travesía de Taboadela ata a intersección coa N-525.
Con esta actuación, que conta cun orzamento próximo aos 240.000 euros, a Xunta de Galicia mellorará o estado do firme que, na actualidade, presenta deformacións e irregularidades na sección transversal como consecuencia de diversas reparacións parciais realizadas ao longo dos anos.
Os traballos previstos desenvólvense nos núcleos de Espiñeira e Taboadela e consistirán no fresado do firme ata eliminar as deformacións existentes, e a posterior extensión dunha nova capa de rodadura. A rehabilitación do firme acompañarase coa reposición da sinalización horizontal e vertical da estrada.
As obras terán unha duración de 3 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos máis de 1.600 habitantes do Concello de Taboadela.
Por outra banda, a Axencia Galega de Infraestruturas publica tamén hoxe no DOG a licitación, ademais outros tres contratos de obra de rehabilitación de firmes, un na Coruña, outro en Lugo e o terceiro en Pontevedra, que suman un orzamento próximo a 1,8 M€.











