Medio Ambiente licita as obras de mellora do firme en tres estradas do sur da provincia de Ourense por 660.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de reparación do firme de tres estradas da rede viaria autonómica do sur da provincia de Ourense, que contan un orzamento de case 660.000 euros.

Con esta actuación o Goberno autonómico mellorará o estado do firme para favorecer a comodidade dos usuarios e a protección, tanto de vehículos e peóns, da estrada que comunica Ourense coa fronteira portuguesa (OU-540) e de dúas estradas situadas no entorno de Xinzo de Limia: OU-301 (Xinzo – Bande) e OU-304 (Xinzo – Baltar).

As obras consistirán na rehabilitación da plataforma existente en treitos localizados, por medio da substitución da capa de rodadura, previo fresado do firme actual. Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e melloras na sinalización vertical e o balizamento. Ademais da execución de gabias de seguridade en zonas puntuais.

Cómpre salientar que este proxecto complementa as actuacións de reforzo xa executadas polo departamento de Infraestruturas en 2013 e 2014 en varios treitos das estradas OU-301 e OU-304, nas que se aportaron máis de 200.000 euros, tamén os realizados na OU-540, vía na que se levan investido máis de 650.000 euros desde a posta en servizo da autovía de Celanova.

As obras terán unha duración de 4 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos preto de 45.000 habitantes dos concellos de Xinzo, Barbadás, A Merca, Cartelle, Celanova, Verea, Bande, San Cibrao das Viñas, Lobeira, Muíños, Lobios e Entrimo.

Conservación de estradas
Desde a Consellería de Medio Ambiente sinálase que estes labores son un bo exemplo do esforzo que o departamento que dirixe Ethel Vázquez está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás que se destinará un investimento superior aos 24 millóns de euros neste ano, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias coma a que se licita no día de hoxe.

8 de abril de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.