Máis de 600 alumnos de Educación Secundaria da provincia da Coruña participaron no programa ‘Clases sen fume’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, presidiu esta mañá no instituto de Educación Secundaria (IES) Eusebio da Guarda da Coruña a sesión de clausura do programa educativo para a prevención do tabaquismo “Clases sen fume”, que organiza a Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta edición, que acada a número trece, participaron un total de 627 alumnos e alumnas de Secundaria de 13 centros educativos da provincia repartidos nos concellos da Coruña, Arzúa, Carballo, Cerceda, Fisterra, Frades, Laxe, Muros, Pontedeume, Ribeira, Santiago, Touro e Vimianzo.

No encontro cos 100 rapaces e rapazas deste centro coruñés, Do Campo estivo acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e a coordinadora provincial do programa, Berta Gómez, que ofreceu unha conferencia sobre “Publicidade, xoves e tabaco”. Tamén asistiu a directora do IES, Isabel Ruso.

A iniciativa está dirixida a estudantes de 1º e 2º da ESO, é dicir, de entre 12 e 14 anos. Unha vez rematadas as actividades vinculadas ao programa, baseadas no compromiso individual e colectivo de toda a aula (escolares e titor), de non fumar durante, polo menos, seis meses, o departamento autonómico concederá nas vindeiras semanas diversos galardóns para premiar os proxectos do alumnado participante nas categorías de mellor actividade creativa, mellor slogan e “Clases sen fume 2014-2015”.

A través deste proxecto refórzase o carácter voluntario da decisión de non fumar, facilítase a presión de grupo positiva xerada pola complicidade dun grupo de adolescentes e dun adulto, que é o titor ou titora, e, ademais, fortalécese a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que se utiliza a recompensa/premio como incentivo.

Neste senso, a delegada territorial agradeceu a alta participación e implicación do alumnado e lembrou que “o tabaquismo é un do maiores problemas sanitarios aos que nos enfrontamos, que ten numerosas repercusións na saúde que en moitos casos non se aprecian no curto prazo”. “O coidado da saúde, da propia e da dos demais, é responsabilidade de todos”, engadiu a máxima representante do Goberno galego na provincia, quen apuntou que, “para iso, é preciso estar ben informados e saber utilizar os recursos dispoñibles”.

Para a delegada territorial, “o máis valioso desta experiencia é que todos os participantes tiveron a oportunidade de adquirir durante este curso uns coñecementos que lles reafirmarán na decisión de non fumar ao longo da súa vida, unha das decisións cruciais para asegurar unha boa saúde”.

27 de abril de 2015 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.