Máis de 5.000 persoas chegan ao Porto de Vigo a bordo do Britannia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Recepción á tripulación do Britannia

Recepción á tripulación do Britannia

O Porto de Vigo recibirá ao longo da xornada de hoxe a máis de 5.000 persoas, entre pasaxe e tripulación, que chegarán a bordo do Britannia, en escala inaugural.

Procedente de Lisboa (Portugal), o Britannia chegou á Estación Marítima ás 08.00 horas e está previsto que sobre as 17.30h., aproximadamente, poña rumbo a Southampton (Gran Bretaña). Durante a súa estancia na nosa cidade traerá a bordo un total de 3.769 pasaxeiros (3.681 británicos) e 1.381 tripulantes.

Con motivo desta primeira escala do Britannia, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e unha extensa comitiva de autoridades civís e militares, visitou o buque de P&O, onde participou, como xa é tradición, no intercambio de placas co Capitán do barco, Paul Brown, tras o que a comitiva visitou as instalacións do considerado como o novo cruceiro insignia de P&O.

Grandes dimensións

Con capacidade para máis de 3.600 pasaxeiros, o Brittania destaca, entre outras cousas, polo seu tamaño. Con 330 metros de eslora, é o maior cruceiro construído para o mercado británico e foi bautizado o pasado 10 de marzo pola Raíña Isabel II.

Este buque conta co spa máis grande de todos os barcos de P&O e dispón dun total de 1.837 camarotes. Por primeira vez nun barco de cruceiros de P&O, todos os camarotes externos teñen balcóns. Dispón, ademais, de catro piscinas, unha delas dedicada para os adolescentes, ademais do coñecido como Spa Oasis.

Cinco escalas previstas

Tras a escala de hoxe, o Britannia regresará ao Porto de Vigo ata noutras catro ocasións ao longo deste ano: o 15 de xuño, o 27 de xullo, o 16 de setembro e o 7 de outubro. Só os buques da P&O deixarán en Vigo máis de 86.000 pasaxeiros nun total de 30 escalas, fronte aos preto de 13.000 pasaxeiros rexistrados en 2014 nas 6 escalas realizadas ao longo deste ano polos buques da naviera.

A recuperación do volume de escalas de buques de Carnival UK, que aglutina á flota de P&O e Cunard, foi o froito dun intenso labor que a Autoridade Portuaria desenvolveu nos últimos meses, a través de varias reunións cos responsables decisores das distintas navieras que forman parte deste grupo.

As bonificacións de taxas e tarifas ao tráfico de cruceiros que se aplican no Porto vigués -presentes xa no pasado exercicio-, as melloras realizadas nas infraestruturas de cruceiros durante os últimos anos, ademais da calidade e eficiencia do servizo que sempre prestou a Terminal de cruceiros, moderna e completamente equipada, fixeron posible a escala deste xigante do mar.

Así mesmo, este notable aumento do número de pasaxeiros de Carnival UK en Vigo débese á tendencia xeneralizada, ao longo destes últimos anos, de situar en Vigo barcos de grandes dimensións, debido á importante aposta pola seguridade realizada pola Autoridade Portuaria e a propia Terminal de Cruceiros. Un aspecto de vital importancia para as compañías de cruceiros, así como a fiabilidade e tranquilidade que ofrecen as augas resgardadas da Ría de Vigo, que aseguran a operatividade deste tipo de buques de forma ininterrompida as 24 horas, os 365 días do ano.

9 de abril de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.