‘Los Fenómenos’ proxectarase na Casa da Cultura de Verín
Mañá 24 e o sábado 25 de abril, na Casa da Cultura de Verín, ás 20.30 horas, proxectarase o filme Los Fenómenos, na programación verinense de primavera de Cinemas de Galicia.
Luis Tosar, Lola Dueñas e Miguel de Lira son os protagonistas dunha película que obtivo o pasado ano premios en 13 festivais (Premio do Xurado no Festival Europeo de Bruxelas (BIFF), premios ao Mellor Guión, Mellor Fotografía e Mellor Música no Festival Iberoamericano do Ceará-Brasil, diversos galardóns en certames cinematográficos dos EE.UU., Canada, Francia, Reino Unido, Holanda, India e Cuba. O pasado día 11 de abril, na XIII edición dos Premios Mestre Mateo, o filme de Alfonso Zarauza acadou os premios a Mellor Longametraxe, Mellor Guión, Mellor Dirección e Mellor Interpretación Feminina de Reparto.
Los fenómenos é o drama social dunha “cuadrilla” de obreiros aos que alcuman así pola súa capacidade para levantar metros cadrados construídos. Narra a historia de Neneta, unha muller que vive nunha furgoneta na costa de Almería xunto á súa parella, Lobo, interpretado por Luis Tosar, e o bebé de ambos os dous. Lobo desaparece o primeiro día que empeza a traballar. Neneta decide volver co fillo ao Ferrol natal, onde encontra traballo como peón de obra. A pesar das dificultades de adentrarse nun traballo de homes, sae adiante e converte á súa cuadrilla nos “Fenómenos”, pola súa altísima produtividade. Cando, por fin, consegue mercar un piso, estala a burbulla inmobiliaria e a crise paraliza as súas expectativas de futuro.
Película española de 100 minutos de duración dirixida por Alfonso Zarauza, utiliza na versión orixinal, que será a que se exhiba en Verín, os idiomas castelán e galego. Catalogado para maiores de 16 anos, Los Fenómenos está certificado como “filme a prol da igualdade de xénero”. A película ten 11 candidaturas para os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.











