Live for Madness Metal Fest en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Live for Madness Metal Fest, o festival metal por excelencia da cidade de Ourense está aquí de novo cargado de novidades moi importantes. Por primeira vez na historia celebrarase o evento nun recinto aberto, con máis aforamento e maiores prestacións. A nova localización do Madness 2015 é o Campo da Feira de Ourense, un espazo polivalente moderno con zona cuberta e áreas semiabiertas que ofrece importantes novidades respecto de edicións anteriores:  Área de descanso con mesas e bancos, permítese fumar en todo o recinto, amplo aparcadoiro e as instalacións propias dun espazo destas características, que permitirá gozar do espectáculo nunha contorna cómoda e totalmente resgardado de posibles inclemencias meteorolóxicas adversas. Ademais este novo emprazamento, próximo ao río Miño e ás turísticas termas da Chavasqueira, atópase perfectamente comunicado e próximo á estación de autobuses, á estación de tren e está a poucos minutos do centro da cidade de Ourense.

Tamén se modificou a data de celebración do festival. Esta nova edición do Live for Madness Metal Fest terá lugar o sábado 19 de setembro, e é outro dos cambios importantes do Madness 2015, que pasou de realizarse no inverno a pechar a tempada estival de festivais “metal” galegos, para así despedir o verán cunha gran festa.

E como non podía ser doutra forma, o recinto permitirá ofrecer novidades na configuración do espectáculo que está programado: 

Maior número de Bandas: Un total de 6 bandas elixidas entre máis de 240 que se inscribiron para participar nesta edición. Un cartel variado que se desvelará proximamente, con presenza de grupos locais e nacionais na liña habitual do festival. 

Un espectáculo ao grande: Escenario de maior tamaño, con máis watts de luces e son. 

Zona de merchan: Postos de venda con material oficial das bandas e do festival a prezos exclusivos.

Barra de bar e comida: Para recargar enerxías desde a apertura de portas ata que finalice o festival.

En resumo, un renovado Live for Madness Metal Fest no que se está traballando para facer desta 5ª edición unha das citas imprescindibles no calendario de festivais nacionais de música metal.

10 de abril de 2015 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.