Lalín prepárase para a Feira do Cabalo na que participará o campión do mundo de doma en liberdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalínLocal Portada
A-
A+

Xa están montadas as corraletas dos cabalos e a carpa onde se van celebrar os concursos e espectáculos debido á climatoloxía que se espera para estes vindeiros días. Avánzase nos preparativos da XXVII Feira do Cabalo, que terá lugar esta fin de semana, sábado 25 e domingo 26, na Carballeira das Casianas, situada no Polígono Lalín 2000, na que xa están montadas as corraletas (boxes de cabalos), un certame que se prevé que reúna a un gran número de afeccionados ao mundo equino e de visitantes, que terá como principal reclamo o espectáculo “Sercam Shows e Santi Serra”, campión do mundo de doma en liberdade, que traerá a Lalín unha cebra domada, dous cabalos árabes, dous cans border collie e tres cabalos frisóns, un a maiores do previsto. A pista dos concursos e dos espectáculos vai estar cuberta, dado o tempo que se prevé para esta fin de semana.

A Feira abrirase o sábado sobre as 10.30 horas da mañá co concurso morfolóxico de poldros nacidos no ano 2013 e adiante, nos que haberá premios para as diversas categorías. Logo haberá comida de confraternidade na carpa e de seguido celebrarase o concurso morfolóxico de eguas de cruzadas, tamén con premios nas diversas categorías.

Pola tarde haberá ximcana, tamén con importantes premios, e logo doma a cargo do Club Hípico Juan Oliveira. Pola tarde, e partir das seis e media, haberá entrenamento de Santi Sierra e, ao remate, entrega de premios, coas que se pechará a xornada sabatina.

XORNADA DO DOMINGO

A xornada do domingo abrirase cunha ruta cabalar sobre as 10.30 horas e tamén á mesma hora haberá concurso morfolóxico de cabalos cruzados, con importantes premios.

Sobre as 12 horas haberá carreira de andadura galega e logo xantar de confraternidade dos cabaleiros. Pola tarde, celebrarase concurso morfolóxico de cabalos e carreira de trotóns, ademais de espectáculo de doma a cargo do Club Hípico Juan Oliveira.

Ás cinco e media da tarde terá lugar o gran espectáculo de Santi Sierra, campión do mundo de doma en liberdade, que xa participou hai dous anos na Feira do Cabalo, se ben nesta edición trae un espectáculo moito maior (na vez anterior participara con dous cabalos árabes e dous cans border collie). É de destacar que este ano o Concello de Lalín achega unha cantidade de 13.000 euros para a realización do certame.

24 de abril de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.