José Antonio Delgado interpretará as súas composicións ao Museo de Pontevedra
José Antonio Delgado Millán naceu en Villamartín (Cádiz) en xullo de 1978, aínda que foi en Málaga onde desenvolveu maioritariamente a súa carreira musical. Foi gañador de diversos certames nacionais de canción de autor: o Certamen Andaluz de Canción de Autor, organizado polo Instituto Andaluz de la Juventud en decembro de 2002; o Concurso Espacio Libre, que tivo lugar en Granada; o II de Cantautores Pay-Pay, en Cádiz, en 2003; o Certamen Nacional de Cantautores Ruta del Tempranillo, en 2004; o Certamen Nacional de Jóvenes Cantautores de Burgos (no que obtivo dous segundos premios en 2003 e 2008); El Olivar de las Palabras, en Almensilla-Sevilla, en febreiro de 2008; e o I Certamen Nacional de Cantautores de Aguilar de la Frontera, en Córdoba, en 2009.
José Antonio Delgado gravou tres discos ó longo da súa carreira musical. O primeiro, de produción propia, leva o nome do propio artista; o segundo, Mareado, é unha produción de DodeMusic; e o terceiro, Perdiendo altura, baixo o selo discográfico Odeón, de Ediciones Aljibe. Todos eles foron dirixidos, arranxados e producidos musicalmente polo mestre Joaquín Calderón.
Delgado compartiu escenario con músicos da altura de Antonio Vega, Javier Ruibal, Jorge Drexler, Luis Pastor, Leo Minax, Carlos Chaouen e Vanesa Martín, entre outros. As influencias máis directas deste novo cantautor van desde o pop actual ata o flamenco e o jazz. Nas súas cancións trata aquelas pequenas cousas cotiás, valores ou paixóns humanas e, especialmente, o amor pola vida.
O concerto terá lugar, ás 19:30 horas, no Sexto Edificio do Museo. A entrada será libre ata completar aforo.











