James Ellroy estará na Ágora o 16 de abril dentro do ciclo ‘Libros en directo’
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o próximo 16 de abril, o escritor James Ellroy será o protagonista do ciclo Libros en directo. O autor norteamericano estará no Centro Ágora da Coruña ás 20.00 horas para falar con Pedro Ramos, organizador do ciclo, da súa nova novela Perfidia (Ed. Literatura Random House). Con esta nova novela, James Ellroy volve aos escenarios e ao universo do que foi o seu maior éxito literario: o Cuarteto de Los Ángeles; composto pola Dalia Negra, O gran deserto, L.A. Confidencial e Jazz branco. Nelas presentaba dun modo descarnado o mundo do crime durante a segunda metade dos anos corenta e o cincuenta, nunha América que saía da Segunda Guerra Mundial. Neste primeiro volume do que será o segundo cuarteto, James Ellroy dá vida aos mesmos personaxes cinco anos antes da Dalia Negra.
No mes de maio, o día 28, o invitado do ciclo Libros en directo será Rodrigo Muñoz Avia que, en xornada de mañá, celebrará un encontro con alumnos de centros escolares para falarlles do seu libro O signo prohibido que recibiu o XXIII Premio Edebé Infantil. Será ás 12.00 horas no Centro Ágora. Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas, o autor conversará con Pedro Ramos sobre a súa novela Cactus publicada no mes de marzo na editorial Alfaguara.











