Hernández móstrase disposto a falar con calquera que se cinga ao seu programa
O alcalde de Santiago e candidato á reelección polo PP, Agustín Hernández, asegurou este venres que o seu partido non pecha a porta a pactos con outras formacións tras as eleccións e mostrouse disposto a “falar con calquera” sempre que respecte o programa electoral dos populares.
A preguntas dos medios sobre a posibilidade de que o PP estableza pactos tras os comicios para gobernar Santiago, Hernández sinalou que a formación ten “un programa serio e ilusionante” -que presentará o próximo martes- e que, sempre “dentro” del, está disposto a “falar con calquera”.
“O noso obxectivo é Santiago”, garantiu o actual rexedor, que deixou “aberto” o seu programa “a todo o mundo”. “Nós non pechamos as portas a ninguén”, sentenciou.
LISTA ELECTORAL
A pesar de que o programa electoral de Hernández para concorrer ás eleccións municipais se presentará o próximo martes, o candidato non quixo aclarar cando dará a coñecer a súa lista. “Presentaremos a lista cando toque”, limitouse a dicir tras ser preguntado acerca de se se mantén a previsión de facela pública a próxima semana.
Tampouco quixo entrar a analizar as persoas que puideran declinar estar nesta lista, como é o caso do deportista Pedro Nimo, que confirmou que mantivera conversacións con Hernández neste ámbito, pero que finalmente descartara incorporarse ás listas populares en Santiago.
En concreto, o candidato asegurou que non ten “previsto facer valoracións” sobre as conversacións que tivo ou vai ter para incorporar persoas á lista e garantiu que falou neste tempo con “muchísimas persoas”.
“A miña única preocupación é atopar as persoas ilusionadas cun proxecto e comprometidas coa cidade que sexan capaces de ilusionar á sociedade”, sinalou o rexedor.











