Gran xornada de vela na Interclubes de Cruceiros en Sanxenxo

Regata Interclubes de Cruceiros
Novamente xornada espléndida de regatas este pasado fin de semana na quinta Etapa da Regata Interclubes da Ría de Pontevedra – Gran Premio Deputación Pontevedra que nesta ocasión tiña como club organizador ao Real Club Náutico de Sanxenxo.
Saída puntual e espectacular ás 14:35 horas case ao pé do edificio do Club e paseo do porto que propiciou que fora observada por multitude de público e afeccionados que gozaron coas evolucións dos barcos nun día de sol e vento (que sempre estivo entre os 9 e 12 nós do oeste). Os percorridos postos polo Comité de Regatas con estas condicións foron outra vez distintos segundo as prestacións dos participantes en cada categoría. Os máis grandes e rápidos, Clases 1, 2 e 4, fixeron un percorrido de 15 millas, mentres que as Clases 3 facían 12,2 millas e os veteranos e mini 23 facían 6,6 millas, repartidos pola zona de Bueu e Ons os primeiros, e cara ao interior da ría os últimos.
Saída de etapa en cinguida para virar unha baliza de desmarque e que resultou moi rifada e igualada como se puido observar tanto en directo como no programa de seguimento, aínda que quizá os que despuntaron un pouco sobre os demais foron ZIRALLA e ENXUTO pola baliza e CHISPA NEJRA e VAGALUME polo centro de liña. Etapa moi completa en canto a rumbos, xa que houbo grandes cinguidas e popas, así como bastante de longo e de través. Na Clase 1 gañou o CORSARIO VI, que é realmente o barco máis regular en todos os rumbos, seguido a dous minutos polo SAGAR V e terceiro o ZIRALLA nunha magnífica regata. Tras eles AGUIEIRA, YOUKOUNKOUN, LIMAY e ALDÁN. Na clase 2 estivo sensacional o SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS gañando por 24 escasos segundos á CHISPA NEJRA, sendo terceiro o VAGALUME. Tras eles, ENXUTO, GRIFO, PIKO NORTE, ARGALLEIRO, CHISPE, BIOCA. En Clase 3 gañou un non habitual, O FILISPÍN, seguido xa a máis de 6 minutos polo SQUID, MIRAVER, CAMARÓN 20, LOANCA, CONSTANTE, FIRME, DOM PANSA, ELMER…, e a Clase 4 novamente para o SEBRALA seguido do QUEN VAI e o PEROMATO. E por último, en veteranos gañou o CASSANDRA seguido a case oito minutos polo JARAVINO e nos Mini 23 o TROSCADO, seguido do SANUK.
Computadas as cinco primeiras Etapas deste Gran Premio Deputación de Pontevedra, a clasificación xeral vai da seguinte maneira:
Clase 1 ASELP CONSULTORES
1º) CORSARIO VI (First 45s5 – José Durán – C.M. Vilagarcía), con 6 puntos
2º) SAGAR V (Ro 340 – Rolando Andrade – RoYachts Club) con 11 puntos
3º) AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete) 17 puntos
4º) YOUKOUNKOUN (JOD 35 – Adolfo Castro – C.N. Portonovo) con 18 puntos
Clase 2 EOLO ACCASTILLAGE & DIFFUSION
1º) ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – RoYachts Club) con 12 puntos
2º) SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Fortuna 9 – Iñaki Carbajo- CN Beluso) 14 puntos
3º) CHISPA NEJRA (Ro 300 – José Rei – CN Beluso) con 14 puntos
4º) VAGALUME (Beneteau 25 – Luís Vidal – RCN Sanxenxo) 20 puntos
Clase 3 FROIZ
1º) MIRAVER (Dufour 32 – Pablo Parrado – C.N. Portonovo) 9 puntos
2º) SQUID (First 235 – Jacobo Lusquiños – Independente) 10 puntos
3º) O FILISPIN (Furia 310 – Antonio Novo – RoYachs Club) 20 puntos
4º) CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Javier Pérez – RoYachts Club) 22 puntos
Clase 4 LANDIN INFORMÁTICA
1º) SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) con 5 puntos
2º) PEROMATO (Ro 400 – Rafa Martínez Almeida – RoYachats Club) con 12 puntos
3º) QUEN VAI (Ro 330 – Laureano Santiago – RCN Sanxenxo) con 16 puntos
Clase Veteranos/Clásicos
1º) CASSANDRA (Hillyard half ton – Fernando Pazó – CN Portonovo) con 13 puntos
2º) CORMORÁN (Sirocco MK3 – Fernando González – RoYachts Club) con 17 puntos
3º) ARRAYÁN PRIMEIRO (Arpege – Lucas Martínez – RoYachts Club) con 22 puntos
Clase Mini 23
1º) TROSCADO (First 211 – Natalia Velázquez – RCM Aguete) 9 puntos
2º) SANUK (B2 Marine – Mariano Deus – RoYachts Club) con 9 puntos
3º) QUESITO (First 21.7 – Fernando Torre – Royachts Club) 22 puntos
De todos os xeitos, se se celebrase a sexta e última etapa en Beluso o vindeiro sábado, todos os barcos poderán facer un descarte, eliminando a puntuación da súa peor etapa realizada, co cal pode ocorrer calquera cousa aínda e dar un envorco ás clasificacións. E tras a última etapa, ese mesmo sábado pola noite terá lugar a entrega de premios no Liceo Casino de Pontevedra como broche de ouro a este evento que está a resultar todo un éxito.











