publicidade hoxe

Gran organización do Club Nautico Boiro na clasificatoria de radiocontrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportes
A-
A+

O sábado pasado disputouse en Cabo de Cruz unha Regata Clasificatoria de Radiocontrol que organizou a Secretaria Rexional da Clase, a Federación Galega de Vela e o Club Náutico Boiro. Como sempre o campo de regatas que está situado diante do Club Náutico é idóneo para a práctica desta modalidade. Aínda que nesta ocasión á hora de comezo da competición Eolo aínda non se levantou o que forzou un aprazamento de case unha hora para dar a saída á primeira proba.

As condicións foron mellorando ao longo do día, xa que se a primeira proba dábase con vento do L de forza 1, a última proba do día deuse cun vento do NW que case chegaba a forza 3. A competición foi na modalidade de NON STOP, en dúas fases. Pola mañá disputáronse oito probas e outras tantas na segunda sesión da tarde. Moi bo ambiente entre todos os participantes que no parón do mediodía puideron intercambiar opinións con respecto á clase e ao regulamento.

Todas as probas estiveron dominadas por Pablo Rivas que conseguía 13 primeiras posicións e gañaba a regata con total superioridade sobre o resto de participantes. Aínda que Juan Ameneiro lograba realizar unha boa competición e non lle puxo do todo fácil a vitoria final.

A terceira praza final conseguiuna Francisco Puga grazas á regularidade mantida ao longo de toda a competición. Na clase Noveis, que son os participantes que levan menos de tres anos competindo, foi José Manuel Enriquez o que levo o gato á auga conseguindo a vitoria por diante dos demais competidores.

A organización do Club Náutico Boiro foi excelente, dando todas as facilidades para que todos os participantes sentisen como na súa propia casa e pondo todos os medios para que as probas se realizasen sen ningún contratempo. Ás seis e media da tarde celebrouse a entrega de premios ás posicións finais, que quedaron como segue:

1º Pablo Rivas do C.S. Moañamar

2º Juan Ameneiro do RCN Vigo

3º Francisco Puga do LM Bouzas

Noveis

1º José Manuel Enriquez do RNR Sada

2º José David Pazos do RNR Sada

3º Jesús M Jauregui do CN Boiro

14 de abril de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.