publicidade hoxe

Gran éxito de inscricións no Programa Ven e descubre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

No día de onte remataron os prazos de inscrición para o programa de Excursionismo e Sendeirismo “Ven e Descubre” para maiores de 60 anos que se organizan dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros. Este ano o programa leva o nome de “Segredos de Galicia” onde se oferta outra mirada a lugares coñecidos na que se descubrirán misterios, tesouros, lendas e paisaxes que aínda están por descubrir.

Para as 18 excursións previstas dentro do apartado de excursionismo están apuntadas máis de 600 persoas, cubrindo case na súa totalidade a oferta de prazas para todas as parroquias, existindo lista de espera nalgunha delas que se tentarán distribuír nas que existan prazas dispoñibles.

A excursión á ría de Vigo, será o destino da primeira das excursións que se levarán a cabo no mes de maio, que baixo o título da “Ría dos Tesouros” visitarán o Castelo de Soutomaior, un marabilloso castelo con numerosas historias e anécdotas protagonizadas por persoeiros universais, a vila de Redondela e o Museo da Batalla de Rande onde se recrean todas as circunstancias e elementos que tiveron lugar nesa histórica batalla e que deu lugar a un enorme tesouro que segue agachado no medio desa fermosa ría.

No programa de sendeirismo o éxito foi similar, cunha ocupación practicamente ao 100% das prazas dispoñibles nas 12 rutas de sendeirismo dun día e nas dúas previstas de fins de semana. Cerca de 150 persoas participarán nesas rutas e gozarán da natureza e dos camiños polo Grove, a Costa da Morte, Compostela e as ribeiras dos ríos Avia e Arenteiro no Carballiño. Este éxito de participación no período de inscrición deixa patente a boa acollida que ten este programa estre as persoas maiores de Oleiros, unha oferta de lecer con contidos culturais e de calidade adaptada aos intereses dos seus participantes.

24 de abril de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.