Galicia consolida o seu crecemento deportivo no piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Galicia consolidou o seu enorme crecemento deportivo a nivel nacional, tal como quedou demostrado no Campionato de España que se disputou en Sevilla. Os padexeiros autonómicos lograron nesa cita vinte medallas, un 41 por cento das que estaban en xogo. Pero ademais, o 52 por cento dos finais tamén eran galegos. Ningunha outra autonomía chega a estes rexistros, o que demostra o bo traballo realizado.

A progresión nos últimos catro anos foi espectacular. As 16 medallas en 2012 convertéronse en vinte. Salvo no 2013, cando se baixou a 15, en 2014 rexistráronse 19. Galicia, en ningún dos casos, baixou do trinta por cento a nivel nacional.

As estatísticas tamén demostra unha regularidade en canto ás medallas. Seis foron de ouro nesas catro edicións. Con todo, neste ano batéronse todos os rexistros. Ademais das seis preseas que acreditan aos campións, tamén se lograron sete de prata e outras tantas de bronce. Superan en cantidade aos últimos catro anos.

Galicia, en canto a medallas, non ten rival. Asturias, Andalucía e Castela León, este ano, nunca se achegaron aos galegos. Quedáronse, no mellor dos casos, con sete medallas en total. A diferenza é abismal.

O mesmo contraste pódese aplicar na participación de finalistas en cada categoría. Tomando como referencia aos nove primeiros, Galicia tiña en 2012 un total de 35 padexeiros como finalistas, o que representaba un 27,7 por cento de representación. Esa cantidade aumentou de maneira significativa en 2015. Chegáronse a 52 deportistas (17 máis) e un 38,8 por cento de presenza sobre o total (once puntos superior). Todo iso nun proceso de constante crecemento aplicado nos últimos catro anos.

O traballo desenvolvido pola Federación Galega de Piragüismo, os clubs e os deportistas queda desta maneira contrastado e evidencia o bo camiño emprendido hai uns anos cun método eficiente que produce bos resultados. Galicia aproxímase a dominar o piragüismo español en case un cincuenta por cento e distánciase cada vez do resto de autonomías.

9 de abril de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.