Francisco Mourelo presenta a exposición ‘O Espazo Máxico’ con motivo do Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O responsable da área de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a exposición O Espazo Máxico (buxainas e libros), unha mostra interactiva, interdisciplinar e creativa para escolares de todas as idades que a Concellaría puxo en marcha con motivo da celebración, o próximo 17 de maio, do Día das Letras Galegas dentro das accións de innovación e dinamización lingüística do programa Coruña Linguas.

“Ofrecemos aos escolares da cidade, á comunidade educativa e á cidadanía coruñesa a posibilidade de participar en diversos talleres que unen aspectos culturais, creativos e máxicos por excelencia como son a literatura, a arte visual, a ilustración e os xogos populares, representados por un entrañable obxecto: a peonza, un xoguete que forma parte da cultura lúdica popular e que queremos recuperar nunha contorna acaparada polos xogos dixitais e tablets”, destacou o concelleiro.

En concreto, a exposición expón unha viaxe polo mundo da literatura infantil a través da peonza. “Platón, Virgilio, Cervantes, Quevedo, Antonio Machado, Ramón Gómez da Serna, Kafka, Octavio Paz, Michael Ende, Tolstoi, Carmen Martín Gaite, Unamuno, Vargas Llosa, Julio Verne, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo son só algúns dos exemplos da influencia que este sinxelo xoguete deixou na literatura universal”, destacou Mourelo, quen explicou que os textos dos escritores estarán acompañados da interpretación de recoñecidos ilustradores.

En responsable da área de Educación indicou que a inscrición para os centros educativos permanecerá aberta ata o próximo 3 de maio (www.coruna.es). A exposición desenvolverase na sala Plataforma 14 do Fórum Metropolitano, entre o 8 de maio e o 10 de xuño, en horario de 09.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.00 horas. A actividade dura aproximadamente 75 minutos e inclúe unha visita á exposición, talleres e xogos de peonzas.

“Este Espazo Máxico constitúe a sexta acción de dinamización e innovación lingüística organizada polo Servizo Municipal de Educación para os centros educativos da cidade dentro do programa Coruña Linguas. Así, esta nova acción, xunto ao certame de relato curto e poesía Rita Suárez Amado, o concurso escolar de Blogs de Aula, o taller de curtos en galego e o certame de monólogos cómicos, integran a oferta do Concello onde se impulsa o uso do galego por medio de accións fundamentalmente creativas, interdisciplinares e innovadoras”, concluíu Francisco Mourelo.

24 de abril de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.