Finalizan os traballos de reurbanización da rúa Alegre de Canido
O Concello de Ferrol informa que a rúa Alegre recupera esta tarde o tráfico rodado de vehículos na súa totalidade, unha vez rematados os traballos de pulido no último tramo até o Cruceiro de Canido. Este viario xa tiña permitido o tránsito peonil dende o pasado fin de semana, e está previsto que a partir das 19:30 horas da xornada de hoxe estará de novo aberta á circulación de vehículos, segundo apuntaron dende a empresa responsable das obras.
A reurbanización integral da rúa Alegre forma parte dos proxectos desenvolvidos ao longo destes case catro anos de mandato no barrio de Canido, e enmárcase no programa Urban Ferrol. Ademais de renovar o pavimento, ampliar as beirarrúas, a plantación de árbores e a reordenación do tráfico rodado e o estacionamento; a mellora de Alegre incluíu a modernización da rede de abastecemento de auga no seu último treito, coa retirada da antigua tubería de fibrocemento. Esta necesaria actuación para non ter que levantar o pavimento en dúas ocasións e para mellorar a prestación deste servizo básico na zona, non estaba contemplado no proxecto inicial da intervención sendo a actual Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación que dirixe Guillermo Evia a que decidiu incluíla e afrontou a súa execución.
O investimento de fondos europeos na humanización da rúa Alegre ascende a máis dun millón de euros; e os traballos leváronse a cabo en oito meses, o que supón un adianto de tres meses con respecto ao prazo de execución previsto no contrato -a data oficial de finalización das obras era o 7 de xullo de 2015- Ademais, e de maneira palarela á humanización da rúa Alegre, o Goberno Municipal conseguiu desbloquear o derrubo de tres inmobles de titularidade privada que dende hai décadas se atopaban nun estado ruinoso e cuxas fachadas estaban orientadas a esta vía. Da demolición deste edificios ocupouse a propiedade dos mesmos a instancias da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación.
Rúa da Igrexa
Tamén dende esta mesma tarde a rúa da Igrexa volta a ser dun único sentido de circulación, respectando a dirección cara a praza de Callao que tiña antes da entrada en vigor do dispositivo especial posto en marcha pola Policía Local por mor das obras de saneamento en Irmandiños e na praza de Galicia, xa concluídas. Neste caso, a volta a normalidade en Igrexa prodúcese tras a reapertura o pasado sábado de Irmandiños e unha vez rematados os traballos de pintado e sinalización.
Por último, outra das principais vías de comunicación do centro urbano da cidade, a rúa do Sol, reabriu na xornada de onte ao tráfico rodado no seu tramo entre Méndez Núñez e Arce. O investimento na mellora integral da rúa do Sol, que incluiu a eliminación do adoquinado por unha nova calzada máis acorde co elevado tráfico que presenta esta vía, ascendeu a 800.000 euros que o Concello de Ferrol financiou con cargo ao programa Urban da Unión Europea.











