Finalizan en Mos as obras de mellora da curva da Costa da Morte cun investimento de máis de 268.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rematou tras un investimento de máis de 268.000 euros as obras de mellora da denominada curva da Costa da Morte, na estrada O Porriño-Gondomar (PO-331), no concello pontevedrés de Mos. Trátase dunha actuación realizada co obxecto de mellorar a seguridade nos movementos nesta zona.
Antes da execución das obras, o acceso ao núcleo de Sequeiros dende a PO-331 presentaba unha reducida visibilidade, tanto para os xiros de saída da citada estrada cara á vía local pola que se accede a esta localidade, coma na incorporación á estrada autonómica.
Por outra parte, neste punto atópase a coñecida Fonte de Atín, utilizada por numerosos veciños, que dispón na fronte dunha pequena explanada. Era frecuente que os veciños fixeran cambios de sentido nese punto, a pesar da súa reducida visibilidade e radio de xiro, o que podía xerar situacións de risco.
A estrada nese punto rexistra notables intensidades de tráfico (superiores aos 6.000 veh/día), polo que se decidiu intervir incorporando un carril central de espera e unha semiglorieta que permita o cambio de sentido, mellorando a visibilidade na intersección e habilitando un punto axeitado para permitir os xiros en condicións de seguridade.
O acondicionamento de intersección da estrada PO-331, executado no punto quilométrico 3+500 incluíu:
• Ensanche da calzada cara a marxe esquerda (lado terraplén), e execución dun muro de escollera de 134 metros de lonxitude e unha altura media de 1,75 m.
• Nova drenaxe transversal
• Alumeado
Estes traballos garanten e incrementan a seguridade viaria nesta estrada galega, ao definir carrís que facilitan aos máis de 15.000 veciños de Mos xiros e movementos viarios de xeito ordenado e delimitado.











